DeportesÚltima hora

A adestradora valdeorresa Isabel Vázquez, na II edición do Campus Tec Fem de fútbol en Carballo (A Coruña)

Celebrarase do 26 ao 28 de decembro para nenas de entre 6 e 14 anos e conta xa con máis de 26 inscritas

Damián e Isabel Vázquez, monitores na I edición do Campus. /Foto cedida.

 

Un ano despois de comezar unha nova etapa, como adestradora do equipo feminino das Escolas Luís Calvo Sanz de Carballo-Bergantiños FC (A Coruña), a valdeorresa Isabel Vázquez ponse á fronte da organización da II edición do Campus Tecnificación de Fútbol Feminino que se celebrará na localidade coruñesa, entre o 26 e o 28 de decembro de 9:30 a 14h.

“Este ano empezamos en Carballo cun grupo de tecnificación feminina do noso club, os venres ás 16:30h. con 12 inscritas; e os luns en Meicende cun grupo do Pastoriza, de 19 a 20:30h con outras 12 nenas”, explica Isabel, ao cargo do Promesas feminino, cos biberóns de segundo ano e tamén dos grupos de tecnificación. Ela mesma explica que son grupos de adestramento reducidos, para un ensino “individualizado”, co obxecto de “traballar aspectos técnico-tácticos que permiten darlle recursos ás xogadoras para resolver as diferentes accións do xogo dun xeito creativo. Ao final o que se busca é formar xogadoras intelixentes”, di, adiantando que ultimamente estase crecendo moito a nivel cuantitativo pero desde o seu club tamén queren darlle “un crecemento a nivel cualitativo ao fútbol feminino”, por iso este ano comezaron a traballar cos grupos de tecnificación.

 

Participantes e monitores da I edición do Campus Tec Fem./ Foto cedida.

 

Esa mesma metodoloxía é a que seguen no campus que celebra esta segunda edición despois da boa acollida da primeira, que contou cunha trintena de cativas. Nesta ocasión, contan xa con 28 inscritas (nenas de entre 6 e 14 anos), da Coruña, Arteixo, Meicende, Carballo,…

En total, serán catro os monitores do campus, entre eles a propia Isabel e Laura Seoane (compañeiras no Promesas), coa supervisión dos coordinadores Borja Facal e David Iglesias, e ademais das sesións de fútbol, ofrecen unha camiseta a cada cativa, diploma acreditativo, seguro, almorzo de media mañá, iniciación a outros deportes e actividades multidisciplinares.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button