DeportesFútbolÚltima hora

A adestradora valdeorresa Isabel Vázquez presenta o III Campus de Tecnificación Feminino en Carballo

Celebrarase do 29 de marzo ao 1 de abril para nenas con idades comprendidas entre 6 e 16 anos

 

Un ano e tres meses despois da II edición, tras pasar o peor momento da pandemia de coronavirus, o Campus de Tecnificación Feminino das Escolas Luís Calvo Sanz de Carballo-Bergantiños FC (A Coruña), presenta unha nova e ilusionante edición. Desta volta derá en plena Semana Santa, do 29 de marzo ao 1 de abril nas dependencias do C. Deportivo As Eiroás de Carballo e de novo será coordinado pola adestradora valdeorresa Isabel Vázquez.

O traballo de tecnificación comezaba nas escolas no 2019 con grupos de adestramento reducidos, para un ensino “individualizado”, co obxecto de “traballar aspectos técnico-tácticos que permiten darlle recursos ás xogadoras para resolver as diferentes accións do xogo dun xeito creativo. Ao final o que se busca é formar xogadoras intelixentes, e que asimilen e entendan o fútbol como medio de pertenza e non só como medio de referencia, demostrándolles que elas tamén poden ser protagonistas, por iso consideramos necesario crear este tipo de espazos” explica Isabel, adiantando que o campus vai dirixido a nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos e que na edición deste 2021 xa teñen case todas as prazas cubertas. “Temos xogadoras da costa, da Coruña… e tendo en conta que segue sendo un ano complicado pola situación sanitaria estamos moi orgullosos da resposta, xa que tan só dous días despois de sacar o cartel xa tiñamos as prazas practicamente cubertas”, di.

 

 

A adestradora asegura que practicamente todas as nenas repiten, “o que significa que estamos facendo as cousas ben”, di, engadindo que tamén contan con cativas que asisten por primeira vez, con ganas de probar.

O horario do campus será de 10 a 14 horas con dous espazos de traballo e unha pausa a media mañá para o almorzo, contando como nas edicións anteriores coa visita de importantes referentes femininos no fútbol, xogadoras, adestradoras, etc. Ademais seguiranse todos os protocolos sanitarios vixentes, co obxectivo de demostrar que “a práctica de actividade física e deporte ao aire libre é segura se as cousas se fan ben”.

Fotos e vídeo cedidos.

 

Artigos relacionados

Back to top button