EconomíaEconomíaÚltima hora

A AECC asina un convenio de colaboración empresarial co Colexio de Economistas de Ourense

 

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense vén de asinar neste xoves un convenio de colaboración co Colexio de Economistas de Ourense. Neste documento, a entidade colexial comprométese a contribuír co programa dirixido a aquelas mulleres enfermas de cancro en situación de especial vulnerabilidade dentro da provincia de Ourense, mediante a realización da Campaña de Economistas Solidarios 2021.

O convenio rubricábase ás 10h. na nova sede da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense, situada na rúa Doutor Marañón, 21.

A AECC é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 68 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, a detectar áreas de mellora e a poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar ao lado das persoas, polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro, a estar con elas e coas súas familias durante todo o proceso da enfermidade e a mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica.

Neste sentido, a través da súa fundación científica, a asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 79 millóns de euros en 400 proxectos, nos que participan máis de 1000 investigadores.

A asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar e acompañar as persoas afectadas e para financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 sedes provinciais e presente en máis de 2000 localidades españolas, conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 500.000 socios e 1007 profesionais. Durante o ano 2020, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu 105.196 persoas afectadas por esta enfermidade.

Artigos relacionados

Back to top button