SanidadeÚltima hora

A AECC de Ourense ofrece de forma gratuíta atención psicolóxica á dó a familias afectadas polo coronavirus

 

A Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Ourense vén de poñer en marcha un novo servizo no marco desta situación de alarma polo e confinamento. Trátase dun servizo de atención psicolóxica non oncolóxica para todas aquelas persoas que perderon a algún ser querido, din dende esta entidade.

“Como ONG sentímonos responsables e consideramos que podemos e debemos actuar porque dispoñemos de recursos clave que poden ofrecer un importante soporte ás persoas que agora mesmo nos necesitan. De todos os colectivos, hai un que especialmente nos preocupa, que é o de familias que agora mesmo están perdendo un ser querido, moitas veces sen poder nin tan sequera despedirse. Consideramos, por tanto, iniciar a atención en dó á poboación NON ONCOLÓXICA afectada polo COVID19”, explica a presidenta da AECC en Ourense, María Isidora Gómez.

“Cremos que a AECC conta cunha experiencia máis que contrastada na atención en dó, xa que somos, sen dúbida, un dos referentes en España neste campo. Estamos convencidos de que podemos realizar un importante labor de axuda a través do noso equipo de atención psicolóxica, e achegar así, na medida do posible, a colaboración da AECC Ourense nestes momentos tan difíciles”, matiza María Isidora Gómez.

A este novo servizo pode accederse do seguinte xeito:

Por teléfono: 988 21 93 00 – 900 100 036
Por correo electrónico: ourense@aecc.es
Pola  web: www.aecc.es

Artigos relacionados

Back to top button