SanidadeÚltima hora

A AECC renova o convenio de voluntariado cos hospitais de Valdeorras, Verín e Ourense

O obxectivo principal dos voluntarios e persoal desta asociación nos centros é prestar servizos de apoio e acompañamento, orientación, apoio psicolóxico e social aos pacientes de cancro e as súas familias

Exterior do despacho da AECC no Hospital Público de Valdeorras.

 

Os tres hospitais públicos da provincia de Ourense e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) veñen de renovar o seu convenio de colaboración en materia de labor social e de voluntariado de apoio aos pacientes oncolóxicos e ás súas familias.

O convenio foi asinado esta mañá no Hospital Universitario de Ourense polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, e pola presidenta da xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro, María Isadora Gómez, coa asistencia dunha das traballadoras sociais da asociación, Rocío Taboada.

Este acordo contempla a cesión de uso de tres salas, no Hospital Universitario de Ourense e nos hospitais comarcais de Valdeorras e Verín, e regula e recolle os obxectivos das labores de voluntariado, desenvolvidas pola asociación, a prol dos enfermos oncolóxicos nos tres centros, xa que, ademais do da cidade, os comarcais tamén ofertan asistencia oncolóxica, con consultas e hospitais de día, para os tratamentos de quimioterapia, un servizo moi pouco habitual fora da nosa provincia.

Grazas a elo, a AECC conta con despacho propio en cada centro hospitalario, dotado con liña telefónica e equipo informático, desde o que pode organizar a labor dos voluntarios, atención personalizada cos pacientes, ou desenvolver diversas actividades. Pola súa parte, a Asociación aporta o persoal e voluntarios, responsabilizándose da súa selección e formación, ademais de equipalos e identificalos, tal e como se informa dende o Sergas.

No caso do Hospital Universitario de Ourense a actividade e labor social da AECC estendese, ademais de aos pacientes de Oncoloxía Médica, aos de Oncoloxía Radioterápica e Hematoloxía, así coma a outros servizos responsables do tratamento multidisciplinar dos distintos tipos de cancro.

O obxectivo principal dos voluntarios e persoal da AECC nos hospitais é prestar servizos de apoio e acompañamento, orientación, apoio psicolóxico e social, contando cun programa específico de “primeiro impacto”, para axudar aos pacientes que veñen de ser diagnosticados e súas familias.

“Carriño Don Amable”

Tanto en Ourense como en Valdeorras dispoñen ademais do “Carriño Don Amable”, vehículo de humanización para facer mais ameno o paso polo hospital, clave para humanizar o ambiente hospitalario, e desde que o mesmo se ofrece un café, lectura, un caramelo ou unhas verbas de alento, nas plantas de oncoloxía, consultas ou hospitais de día.

Primeira provincia en descentralizar o tratamento oncolóxico

Ourense foi a primeira provincia a nivel nacional en descentralizar o tratamento oncolóxico, por medio da creación de Hospitais de Día e consultas oncolóxicas para o tratamento quimioterapéutico dos pacientes destas comarcas, evitando así o seu desprazamento ao hospital de referencia en Ourense.

Entre ambos comarcais (Valdeorras e Verín) atenden a unha media anual de máis de 200 pacientes, “evitando así miles de desprazamentos, xa que unha das características destes tratamentos é a súa administración por ciclos. Cada ciclo está composto a súa vez por un número variable de sesións de quimioterapia, polo que a duración destes depende de cada doente e da súa evolución”, indica o Sergas.

Artigos relacionados

Back to top button
Close