SanidadeÚltima hora

A “Ágora da Saúde”, o 7 de abril no Hospital Universitario de Ourense

Tras dous anos de pandemia o hospital ábrese de novo a todas as asociacións de pacientes para celebrar, informar e difundir

Publicidade

 

Con motivo da conmemoración o vindeiro xoves 7 de abril, do Día Mundial da Saúde, este ano adicado á saúde do planeta como necesidade indispensable para a saúde universal, o Hospital Universitario de Ourense, da rede europea de Hospitais Verdes, abre a súa Ágora ás asociacións de pacientes para celebrar, informar e difundir.

Á iniciativa foron invitadas todas as asociacións que forman parte do Consello Asesor de Pacientes da Área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, formado por máis de vinte agrupacións, con presenza na provincia, e suporá un acto de benvida tras estes dous anos de pandemia, que mantiveron apartados a moitos voluntarios da súa actividade habitual nos hospitais.

Ata o momento xa confirmaron a súa asistencia á “Agora da Saúde” as asociacións: de Enfermos/as de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (Accu Ourense); Asociación Española Contra o Cancro (AECC Ourense); de Familiares de Alzheimer e outras Demencias de Ourense (Afaor); de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense (Affou); de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (Agl); para a Loita contra as Enfermidades Renais de Ourense (Alcer Ourense); de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia); Asociación Diabética Auria (Auria); de Dano Cerebral Adquirido de Ourense (Renacer); de Familiares e Enfermos Mentais Morea (AFEM Morea); por Eles Tea Ourense (Petea); de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER).

O lema da Organización Mundial da Saúde, neste aniversario da súa creación, é “O noso planeta, a nosa saúde”, co que a OMS quere concienciar sobre a necesidade de actuar fronte a realidade dun planeta contaminado, que se fixo aínda máis evidente durante a pandemia, coa natureza “recuperándose” durante o confinamento, e miles de luvas, máscaras e toneladas de material desbotable inundando rúas e ríos.

A contaminación afecta a saúde das persoas e aumenta os riscos de enfermidades, por elo, as organizacións sanitarias deben adiantarse, contribuindo a solución e comprometéndose co medio ambiente. Con este obxectivo, o Hospital Universitario forma parte da rede de hospitais verdes de Europa, e participa activamente para limitar os efectos adversos sobre o clima e o planeta, promovendo iniciativas respetuosoas co medio ambiente. O encontro será tamén unha unha oportunidade única para aunar esforzos cara a saúde comunitaria e a do planeta.

Artigos relacionados

Back to top button