PolíticaÚltima hora

A agrupación socialista de Parada de Sil pide a demisión da alcaldesa “por razóns políticas e éticas”

A rexedora, Yolanda Jacóme, anunciaba onte a través dunha nota de prensa a súa baixa como militante do partido socialista

A nota de prensa emitida pola alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, na que anunciaba a súa baixa como militante socialista, vén de ser contestada por parte da Agrupación do PSdeG neste municipio cun comunicado. En primeiro lugar, a agrupación manifesta a súa “sorpresa pola decisión que tomou de pasarse ao  Partido Popular, a pesar de que ela a día de hoxe non o confirma, sen comunicar nada á agrupación, argumentando que se fixo a lista ás súas costas”.

Neste senso, no comunicado explícase como foi o proceso de elección do candidato socialista á alcaldía, indicando que “o día 9 de decembro a agrupación socialista tivo unha xuntanza para estudar a proposta definitiva de candidata/o ás eleccións municipais á que asistiron 8 dos dez cotizantes do partido. Nesa reunión falamos de quen se quería postular para o posto, e a actual alcaldesa e o primeiro tenente de alcalde manifestaron o seu dispor, amosando a alcaldesa o seu estupor por que había máis candidatos. Todos os presentes manifestaron o seu parecer de que non debería encabezar a lista, despois dun debate, e quedamos nunha nova reunión o día 17 de xaneiro, na que de manterse as dúas candidaturas se convocaría aos veciños máis próximos ao partido, como se fixo no caso da súa elección, para ver a quen dos dous candidatos apoiaban e logo o partido decidiría. Yolanda Jácome nesta segunda reunión retirou a súa candidatura cos argumentos manifestados aos medios onte”.

Asemade, no texto a agrupación socialista de Parada de Sil exprésalle agradecemento polo “seu traballo durante estes catro anos, pero iso non quita que manifeste o malersar por non comunicar coa agrupación as súas decisión. Se quería ir por outro partido, como é lexítimo, debería haber dimitido hai meses”.

Neste senso, esta agrupación pídelle a Yolanda Jácome que dimita por “razóns políticas e éticas a expensas de tomar outras medidas como pode ser a solicitude dun pleno extraordinario no que se lle pida que presente a súa dimisión como alcaldesa despois de darse de baixa no partido polo que foi elexida. Ningún dos outros cinco concelleiros comparte o seu comportamento”. Ademais agardan “retornar ao bo camino canto antes, para seguir traballando pola veciñanza dende unha ideoloxía de progreso e xustiza social”.

Artigos relacionados

Back to top button