ConcellosÚltima hora

A alcaldía de Viana do Bolo, en mans do BNG, convoca o pleno de organización sen haber acordo co PSOE

Entre os puntos da orde do día da sesión, que se celebrará esta tarde, figuran varias adicacións parciais

A alcaldía nacionalista de Viana do Bolo, que ocupa Secundino Fernández (BNG), vén de convocar o pleno de organización para esta tarde de martes, 23 de xullo, ás 20:00 horas. Esta convocatoria chega sen que, finalmente, puidese haber acordo de goberno entre o BNG e o PSdG-PSOE.

 

Secundino Fernández, alcalde nacionalista de Viana do Bolo, durante o pleno constituínte da nova corporación.

 

O obxectivo deste pleno será a constitución dos grupos municipais e a designación de voceiros, a creación de comisións informativas e a proposta de creación da xunta de goberno local.

Así, na sesión tamén se fará efectiva a dimisión do concelleiro socialista, Pablo Salgado. Ademais,  darase conta dos nomeamentos de tenentes de alcalde, abordaranse as dietas de asistencia a sesións, comisións e órganos colexiados, e formularase a proposta de adicacións parciais.

En canto aos tenentes de alcalde, os concelleiros que serán nomeados para desempeñar os cargos serán, en primeiro lugar, José Antonio Alfonso, responsable de Obras, Urbanismo e Servizos Públicos; en segundo lugar, Graciela Diéguez, responsable de Cultura, Deportes e Turismo; e por último, Natalia Estévez, responsable de Servizos Sociais e Igualdade.

Así, a proposta da alcaldía das adicacións parciais será do 25% para a alcaldía con 10.000 euros brutos anuais; do 50% para o 1º tenente de alcalde con 12.500 euros brutos anuais; e do 25% para a 2ª tenente de alcalde con 6.500 euros brutos anuais.

Texto: Alba Prada

 

Artigos relacionados

Back to top button