En portadaÚltima hora

A apertura da piscina climatizada e as obras do Mercadona, entre os asuntos abordados no pleno do Barco

Aprobábase un suplemento de crédito duns 106.000 euros para as obras da piscina cuberta

Nas vindeiras semanas podería saír a concurso a concesión da piscina climatizada do Barco. Así o sinalaba o portavoz municipal socialista, Auretino Alonso, durante o pleno celebrado na tarde do 8 de novembro, que contaba entre o público cun grupo de alumnos do IES Lauro Olmo desta vila. Na orde do día da sesión figuraba, entre outros puntos, un relativo a un suplemento de crédito duns 106.000 euros para as obras nas instalacións da citada piscina, que finalmente saía adiante cos votos do partido socialista e do PP e coa abstención do concelleiro de Riada Cidadá.

Durante o debate deste punto, o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, cualificaba de “desastre” a forma na que o grupo de goberno está “xestionando todo o tema da piscina dende que a empresa que a tiña chegou a un acordo co Concello”. E engadía que “cada vez que se fala da piscina aumentan os gastos e a piscina non se abre. Imos en 416.000 euros de orzamento e aínda non empezaron os traballos. Primeiro dicían que se ía abrir en xaneiro e agora din nos medios de comunicación que vai ser en marzo”.

Dende o grupo socialista, Aurentino Alonso contestaba que “a obra e o procedemento de contratación foise dilatando porque cambiou a lei de contratos do Estado, hai que adaptarse a ela e non é fácil. Nas vindeiras semanas esperamos sacar a concurso a concesión, que seguramente se decida antes de que rematen as obras”. Admitía a demora sobre os prazos previstos e sinalaba que “esperamos que poida estar a primeiros de marzo. Esta obra había que acometela este ano ou o ano que vén, e as deficiencias que presenta a piscina non son imputables ao Concello. Non houbo deixadez de funcións, somos sufridores dunha instalación que nin proxectamos nin executamos”.

Ademais o alcalde do Barco, Alfredo García, interviña tamén para sinalar que no inicio do proceso para levar a cabo estas obras o Concello contaba cunha documentación aportada por unha enxeñería e que antes de comezar tamén se fixo unha auditoría para “ver a situación real da piscina”. Aludía aos retrasos das empresas en entregar os proxectos e aseguraba que para adiantar os prazos “decidimos sacar por unha banda o proxecto das obras e por o outra o das instalacións. Pero un proxecto ben feito necesita tempo e iso fixo que fose retrasando todo”.

As obras do Mercadona

No apartado de rogos e preguntas, o portavoz municipal do PP, Arsenio Moldes, preguntáballe ao alcalde sobre a situación na que se encontran as obras relacionadas co futura superficie comercial do Mercadona. Alfredo García respostaba que tanto os técnicos municipais como os responsables da empresa que realiza a obra están citados o vindeiro martes 13 de novembro “con responsables de Fenosa para tomar unha decisión sobre os cables de media tensión que cruzan o río Mariñán. De non ser por ese problema, a rotonda xa estaría terminada”.

Con respecto á construción da nave comercial, para poder darlle licenza o Concello necesita recibir o informe favorable de desenvolvemento urbanístico da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. “Espero que na reunión do martes teñamos claro que se pode facer”, indicaba o rexedor.

Artigos relacionados

Back to top button