Publicidade
EconomíaEconomíaÚltima hora

A apertura de establecementos de máis de 400 m2, analizada na reunión da Cecop

Acordouse pedir ao goberno central que clarifique se ese estes locais poden reiniciar a súa actividade na fase 1 reducindo temporalmente a súa superficie comercial ata o límite de 400 m2

 

Reunión desta mañá do Centro de Coordinaci—n Operativa (Cecop) creado pola epidemia do coronavirus.

 

Na xuntanza celebrada do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) celebraba esta mañá tamén se abordaban medidas no ámbito comercial. “Tendo en conta a progresiva recuperación da actividade comercial que se prevé para as próximas semanas”, tamén se acordou deixar sen efecto o punto cuarto do Acordo do 15 de marzo, que, “co obxectivo de garantir o abastecemento da poboación, establecía a liberdade horaria para os establecementos de primeira necesidade”, segundo informa a Xunta de Galicia.

Así, “volven estar vixentes as limitacións establecidas na Lei 13/2006, de horarios comerciais de Galicia, que fixa que só teñen liberdade horaria os establecementos de ata 300 metros cadrados (excluídos os pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa), entre outras excepcións”, segundo o goberno galego.

Ademais, na reunión de hoxe tamén se acordou pedir ao Goberno central que clarifique se os establecementos que dispoñan dunha superficie maior a 400 metros cadrados poidan reiniciar a súa actividade na fase 1 reducindo temporalmente a súa superficie comercial ata dito límite, sempre que cumpran o resto de condicionantes establecidos. Esta demanda xa foi trasladada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na última reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e outros presidentes autonómicos.

Actividade presencial en bibliotecas, museos e arquivos

No eido cultural, aprobouse o protocolo polo que se establece o reinicio da actividade presencial das bibliotecas, museos e arquivos xestionados pola Xunta de Galicia, un total de 23. Nos últimos días, cada centro directivo traballou nas actuacións necesarias para a reapertura seguindo as indicacións fixadas polo Ministerio de Sanidade. Tras esta fase preliminar de adecuación, inician progresivamente a atención presencial, que comezará o luns no caso das bibliotecas e un día despois, o martes, no dos museos.

Recollida de apuntamentos

Por outra banda, o Cecop acordou interpretar como situación de necesidade “a mobilidade entre provincias, limitada e debidamente xustificada, para que o alumnado matriculado nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (isto é, universidades de Santiago de Compostela, Vigo ou A Coruña) poida recoller os apuntamentos e efectos persoais no lugar no que residían ata o momento de suspensión das clases. Deste xeito, Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma en atender esta demanda do estudantado universitario e transmitida polas Universidades á Consellería de Educación”.

Cada universidade habilitará o procedemento correspondente, emitindo certificación persoal e intransferible para a realización dunha soa viaxe, indicando a data e enderezo do aloxamento de destino. A autorización será só para os efectos da recollida e desaloxo, no seu caso, dos aloxamentos contratados para o curso 2020/21, ou a recollida de materiais nas residencias universitarias.​

Reapertura de parques naturais

Tamén se procederá á reactivación da actividade cara ao público nos centros de visitantes e de interpretación e as aulas de natureza dos parques naturais e doutros espazos protexidos da comunidade. A actividade ordinaria nestas instalacións, ao igual que as visitas guiadas, levaban suspendidas desde o inicio da declaración do Estado de Alarma.

O Cecop procederá a levantar esta suspensión ao amparo da orde do Ministerio de Sanidade de 30 de abril, que regula as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre e permite “circular por calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes autorizadas”. A reapertura realizarase seguindo o Protocolo de medidas de prevención do COVID-19 nos centros de visitantes dos seis parques naturais de Galicia e nas aulas da natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Celebración de mercados de gando

Por outra banda, o Cecop decidiu tamén levantar a suspensión da celebración dos mercados de gando en Galicia, sempre respectando os protocolos de seguridade e prevención establecidos polas autoridades sanitarias.

Esta medida adóptase tendo en conta a recente disposición do Ministerio de Sanidade que flexibiliza determinadas restricións sobre a reapertura dos establecementos e locais comerciais minoristas, incluíndo tamén os mercados que desenvolvan a súa actividade ao aire libre ou venda non sedentaria na vía pública. Todo isto, ademais, respectando as competencias que sobre a materia corresponden aos concellos, en virtude da normativa sobre réxime local. A Consellería do Medio Rural ditará a correspondente resolución ao respecto.

A maiores, o Comité autorizou aos titulares de montes ou terreos forestais e de predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, así como aos titulares de fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, a desenvolver actividades de roza, mantemento e limpeza. Isto faise tendo en conta a estación na que nos encontramos, en plena primavera e xa próxima a época de alto risco de incendios forestais.

Iso si, os interesados en realizar estes labores no monte –e tamén en predios situados en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable– terán que levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras nas que van traballar e portar os apeiros necesarios ou ben incluír na declaración que os teñen depositados na parcela ou lugar determinado. A Consellería de Medio Rural ditará a correspondente resolución ao respecto.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close