EconomíaEconomíaÚltima hora

A área de produción da IXP Pataca de Galicia amplíase a todo o territorio galego

Ademais da variedade Kennebec, a única admitida ata agora, tamén poderán acollerse a este selo calidade as variedades Agria e Fina de Carballo

 

Foto: IXP Pataca de Galicia.

 

Cambios importantes no prego de concicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. Así se recolle no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), que vén de publicar o regulamento de execución da Comisión polo que se aproba a modificación da normativa desta IXP.

Un dos cambios que se produce é a ampliación da área de produción e envasado deste produto, que a partir de agora abarcará todo o territorio da comunidade galega. Ata o de agora, este selo só permitía o cultivo e envasado de patacas en catro subzonas de produción: Bergantiños (A Coruña); Terra Cha – A Mariña (Lugo); Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense).

Por outra banda, ademais da variedade Kennebec, que era a única admitida ata agora, tamén poderán acollerse á certificación de calidade da IXP as variedades denominadas Agria e Fina de Carballo, aumentando deste xeito as posibilidades de produción.

Independentemente da variedade de que se trate, as patacas acollidas a esta indicación xeográfica teñen unha pel de aparencia lisa e fina e caracterízanse por unha textura firme ao tacto, cremosa ao ser cocidas e consistente na boca. A súa calidade para o consumo é excelente, destacando polo seu contido en materia seca e por manter as súas calidades de cor, aroma e sabor despois de ser cociñadas.

Segundo os datos rexistrados polo Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, este selo facturou o ano pasado 4,7 millóns de euros, ao comercializar 4.750 toneladas deste produto. Actualmente están inscritos un total de 79 produtores e 10 almacenistas, que cultivan preto de 300 hectáreas,  tal e como indica a Consellería do Medio Rural.

Coa modificación do seu prego de condicións a IXP Pataca de Galicia busca darlle un impulso ao sector e reforzar a comercialización deste produto tan senlleiro do agro galego.

Artigos relacionados

Back to top button