SanidadeÚltima hora

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco oferta 17 prazas de especialistas para os 3 hospitais públicos

Exterior do Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco.

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio (de 13 de abril) da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras mediante a que se ofertan dezasete prazas, a cubrir con contratos de longa duración, de persoal facultativo especialista para os tres hospitais públicos da provincia, unha iniciativa que tenta promover a estabilidade no emprego ata a súa cobertura definitiva vía oposición.

O prazo de admisión de solicitudes de participación é de dez días hábiles contados a partir de hoxe (do 21 de abril ao 4 de maio, ambos inclusive). Son 17 plazas de 12 especialidades, trece no Hospital Universitario de Ourense, unha no Hospital de Verín e tres no de Valdeorras. Delas, a máis numerosa é a de especialistas en Psiquiatría, con catro prazas ofertadas, todas elas de nova creación, vencelladas ao Plan de Saúde Mental Post-covid de Galicia 2020-2024.

Ademais destas ofértanse tres prazas de Radioloxía e Radiodiagnóstico, un no Hospital Universitario de Ourense e dúas no Hospital Público de Valdeorras, que ademais suma unha convocatoria de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía. Pola súa parte o de Verín convoca a dun especialista en Análises Clínicas, mentres que as de Ourense son as devanditas de Psiquiatría, 4 prazas e radioloxía, ademais de unha de especialista en Aparello Dixestivo; Cirurxía Pediátrica; Cirurxía Xeral e Dixestiva; Endocrinoloxía e Nutrición; Neurocirurxía; Oftalmoloxía e Pediatría e as súas Áreas Específicas.

“Por medio destas convocatorias extraordinarias, a dirección da Área Sanitaria segue a liña de promoción da estabilidade no emprego do persoal eventual, tentando acurtar os prazos de incorporación dos profesionais, prevista tras a resolución da fase de oposición que consolidará as prazas nos distintos centros da rede Sergas”, tal e como se indica dende a Consellería de Sanidade.

Esta convocatoria súmase a do pasado mes de marzo de 41 prazas de 21 especialidades, dezanove no Hospital Universitario de Ourense, once no Hospital de Verín e once no de Valdeorras. Naquela ocasión a especialidade máis numerosa foi a Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, con sete prazas, seguida da de medicina interna, con cinco.

Na convocatoria de marzo a maior parte das prazas ofertadas estiveron adscritas aos comarcais. En concreto, en Valdeorras tres de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, dúas de Medicina Física e Rehabilitación, e unha de Dermatoloxía Médico Cirúrxica e Venereoloxía; Hematoloxía e Hemoterapia; Medicina Interna; Medicina Preventiva, Obstetricia e Xinecoloxía; e Xeriatría-Hospitalización a Domicilio.

Pola súa parte en Verín, ofertáronse dúas prazas de: Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Medicina Interna, Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, ademais de unha de Dermatoloxía Médico Cirúrxica e Venereoloxía, Oftalmoloxía e outra de Pediatría.

Por outra parte, o Sergas ven de propoñer un réxime transitorio “para beneficiar ao colectivo de persoal facultativo que vén traballando con vínculos de longa duración dous anos ou máis, de xeito que este persoal -582 profesionais en toda Galicia- teña garantido o seu emprego ata que finalice a OPE que está actualmente a tramitarse, e que rematará no vindeiro ano 2022”, segundo a consellería.

Ademais, na última reunión coas organizacións sindicais a administración sanitaria pública de Galicia anunciou que realizará un estudo por especialidades e áreas sanitarias, para avanzar, na dotación daquelas prazas que resposten a necesidades permanentes e estables

Artigos relacionados

Back to top button