En portadaÚltima hora

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco prepárase para o aumento de casos de coronavirus

Tamén os hospitais comarcais, habilitaron espazos para o illamento de pacientes con diagnóstico positivo ou sospeita, e circuitos separados de entrada.

Punto de recollida de mostras para facer o test COVID-19 dende o coche no Hospital de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tendo en conta os 302 casos activos existentes na provincia de Ourense, segundo a última actualización de Sanidade, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras acelera a posta en marcha das fases previstas no seu plan de continxencia fronte á pandemia, que “contempla centralizar os ingresos positivos a COVID19 e sospeitosos, en gran parte das plantas do novo edificio de hospitalización e replicar a UCI, coa posta en funcionamento dunha nova UCI-CoVID atendida polo persoal de Medicina Intensiva que xa quedou onte operativa con 9 pacientes ingresados”, tal e como se adiante dende a EOXI ourensá.

A nova UCI-COVId posta en marcha onte sitúase no espazo que ata agora ocupaba a Unidade de Recuperación Postanestésica (URPA), que se trasladou á área de Cirurxía Maior Ambulatoria.

“A idea central do plan de continxencia é separar a actividade asistencial habitual da asistencia COVID, polo que se traballa en espello, con accesos separados desde a entrada, vía urxencias ou traslados desde outros centros, con unidades dedicadas exclusivamente a súa atención, limitando así os riscos de extensión e contaxios, reducindo o consumo de equipos de protección individual (EPI) que a día de hoxe continúan a ser limitados, e facilitando os labores de xestión dos residuos que estes días se multiplican”, explican dende o Sergas en Ourense.

Nestes momentos os 54 pacientes positivos ocupan ao completo a sexta planta, norte e sur, do novo edificio de Hospitalización de Ourense, e parte da quinta, onde tamén están ingresados os pacientes sospeitosos de contaxio, á espera de resultados do test, test que se prioriza na súa dilixencia para pacientes ingresados e tamén para persoal sanitario, entre outros profesionais de carácter esencial.

A medida que se vaian multiplicando os ingresos, está previsto estendelas no novo edificio, segundo necesidades. Paralelamente, para desocupar estas áreas e continuar prestando asistencia ao resto, está previsto poñer en funcionamento distintas plantas do Materno-Infantil, o Cristal e Piñor.

“Segundo os distintos escenarios contemplados no Plan de Continxencia, para o ingreso de pacientes COVID-19 poderían habilitarse, nunha primeira fase do plan ata 400 camas de hospitalizacion convencional e ata 60 de críticos. Para dar resposta as posibles necesidades, hoxe mesmo chegou un pedido realizado os pasados días de 47 camas hospitalarias, e agárdase un novo continxente que chegará os próximos días”, din dende o Sergas.

Habilitar Piñor para ingresos COVID-19

Ao mesmo tempo, xa se puxo en marcha o operativo para habilitar Piñor como centro de hospitalización de pacientes con infección polo novo coronavirus SARS COV 2. Onde se disporá, nunha primeira fase, de 60 camas que se ampliarán, en función das necesidades de ingreso da pandemia.

Con 73 pacientes ingresados con diagnóstico confirmado, repartidos nos tres hospitais, 62 no de Ourense, 4 en Verín e 6 en Valdeorras. Tamén os hospitais comarcais, habilitaron espazos para o illamento de pacientes con diagnóstico positivo ou sospeita, e circuitos separados de entrada.

Seguemento dos pacientes a domicilio

Os Centros de Saúde e moi especialmente os 14 Puntos de Atención Continuada de Ourense, provincia co maior número de dispositivos urxentes de Galicia, dispoñen xa desde onte de mamparas de protección nas áreas de admisión, ao igual que as dos tres hospitais, e centros de saúde de Ourense e cabeceiras de comarca, medida que se extenderá estes días aos 106 centros de saúde da provincia, tamén a rede de atención primaria mais extensa e dispersa da comunidade, nas que asemade instalouse sinalización para manter a distanza de seguridade, tal e como informa Sanidade.

Atención Primaria está á súa vez resultando clave na atención mediante a consulta telefónica a poboación, tanto a demanda como por iniciativa propia, dos profesionais de medicina e enfermería familiar e comunitaria e farmacia.

Con 229 pacientes en illamento domiciliario, o seu seguemento asúmese desde Atención Primaria, especialmente por parte do persoal de enfermería, por medio do programa TELEA, no que están incluidos a maior parte, ao redor de 200 en Ourense. TELEA é a plataforma tecnóloxica do Sergas de teleseguimento de pacientes no fogar, que permite desde pautar indicacións individualizadas, rexistrar biomarcadores como tensión arterial, temperatura, pulso, etc en tempo real, sempre cunha relación directa co persoal sanitario.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close