SanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá conta coas dúas primeiras ambulancias 100% eléctricas de Galicia

Teñen unha autonomía de 400 quilómetros e contan con puntos de carga no Hospital Comarcal de Valdeorras, ademais de en Xinzo e en Verín

Entrada do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras dispón das primeiras ambulancias eléctricas e de baixa emisión de Galicia, como alternativa ecolóxica aos combustibles tradicionais no transporte sanitario. “Esta aposta por solucións de mobilidade con menor impacto ambiental é unha iniciativa que xa se puxo en marcha coa dotación, en 2020, do primeiro vehículo eléctrico 100% para a Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) de Valdeorras, que forma dun parque móbil de enerxías mais limpas e sostibles. De feito, todos os vehículos de HADO da Área Sanitaria, así como os asignados á mobilidade relacionada coa pandemia, son híbridos”, tal e como informa a Consellería de Sanidade.

As novas ambulancias, etiqueta Eco, son dúas eléctricas montadas sobre un modelo Mercedes eVito tipo1 e outra tipo2, ademais de sete sobre Mercedes Sprinter tipo A2, unha Renault Máster tipo C e unha Opel Movano tipo A2. Estas últimas GLP, sistema que non contén benceno, reducindo significativamente os contaminantes: ata un 70% menos de emisións “NOX” (óxidos de nitróxeno perxudiciais para a saúde) e eliminando practicamente as emisións de particulas, un 99% menos respecto a outros combustibles. Igualmente, a montaxe das ambulancias é “quilómetro cero” xa que se realiza integramente en Ourense.

As dúas ambulancias eléctricas de Ourense son as primeiras que funcionan en Galicia. Teñen unha autonomía de 400 quilómetros e contan con puntos de carga no Hospital Comarcal de Valdeorras, primeiro hospital galego en dispoñer deste servizo, ademais de outros puntos en Xinzo de Limia e Verín. Igualmente está previsto dispoñer no Hospital Universitario de Ourense dun cargador rápido, co que se pode repoñer, en tan só 15 minutos, ata o 60% da batería.

A Área Sanitaria de Ourense está integrada na rede Europea de Hospitais Verdes e participa activamente en proxectos da unión, na liña estratéxica do Servizo Galego de Saúde de economía circular. Así os tres hospitais de Ourense participan como pilotos no proxecto europeo Life Resystal, sendo ademais socios do proxecto da Unión Europea da Nova Bauhaus (New European Bahuaus) con varias iniciativas no ámbito da saúde mental e de solucións baseadas na natureza.

En palabras da directora de Recursos Económicos da Área, Cristina Enjamio, “A sostenibilidade é xa un criterio diferenciador da nosa Área Sanitaria”, de feito, di “levamos tempo incluindo nas distintas licitacións públicas criterios de adxudicación relacionados coa sostenibilidade e a economía circular”.

Artigos relacionados

Back to top button