SanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá cualifica de “histórico” o apoio da Xunta á contratación de profesionais nos hospitais comarcais e en primaria

Vén de emitir un comunicado respostando ás manifestacións da Xunta de Persoal do HPV con motivo da concetración en defensa dunha "sanidade digna" para o oriente ourensán

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

En resposta ás manifestacións realizadas esta mañá pola Xunta de Persoal do Distrito do Barco de Valdeorras con motivo da concentración convocada para o 30 de xuño, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco vén de emitir un comunicado no que asegura que “o esforzo sostido mantido desde esta Área Sanitaria por atopar fórmulas que permitan captar profesionais e ampliar os cadros de persoal de especialidades médicas con déficit nos hospitais comarcais e centros de saúde de Ourense está a recibir un apoio histórico por parte da Consellería de Sanidade e da propia Xunta de Galicia priorizando a contratación de profesionais nos hospitais comarcais e en Atención Primaria”.

E, iso fann: “establendo un sistema de “hospital único” para que calquera especialista poda prestar servizos noutro hospital cando sexa preciso; facilitando a contratación indefinida de profesionais; establecendo un rexistro de centros illados ou de difícil cobertura, que inclúe aos comarcais e aos centros de saúde de 19 concellos da provincia, que se ampliarán a 34, -incluíndo a toda a área de referencia dos hospitais de Verín e Valdeorras- nos que se prima a contratación”.

Ademais, a xerencia da área sinala que se triplicou “a puntuación outorgada polo tempo traballado nos comarcais e nestes centros de saúde. Importante vantaxe cara ás continuas ofertas públicas de emprego (OPE) que realiza o Sergas”, e que se convocaron “OPEs sen exame, valorando só a formación e servizos prestados, como na recente convocatoria de médicos de primaria. Na que tamén se incrementou a puntuación adicional por traballo nun comarcal ou nun centro de difícil cobertura”.

Ao mesmo tempo, dende a área sanitaria ourensá asegúrase que “neste intre trabállase tamén na mellora das retribucións e incentivos do persoal que axude a cubrir o déficit de profesionais, que acadou esta mesma mañá o acordo unánime na Mesa Sectorial de Sanidade”.

E conclúen indicando que “todo elo está a dar os seus froitos e este mesmo mes de xuño incorporouse ao hospital de Valdeorras unha nova especialista en Xinecoloxía e Obstetricia, da última promoción MIR, así como unha especialista en Hematoloxía e Hemoterapia. Ambas con contratos indefinidos. Igualmente mantense o compromiso dos profesionais do Hospital Universitario de Ourense para evitar o desprazamento de pacientes desde Valdeorras ou Verín, ademais da fórmula de coordinación interhospitalaria, que xa se aplicou en Radioloxía e Traumatoloxía. Así, este mesmo mes de xullo incorpóranse dous novos especialistas en Medicina Interna, un en Valdeorras e outro en Verín, incorporacións que con toda seguridade non serán as únicas nos vindeiros días”.

Artigos relacionados

Back to top button