SanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá di adeus á promoción de residentes do Covid-19

Os 40 residentes que agora rematan, viviron unha etapa singular xusto ao fin da súa etapa formativa, cando coa declaración da pandemia pasaron a formar parte do cadro de persoal dos distintos centros

 

Corenta residentes veñen de finalizar a súa formación posgrao na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e na súa maioría iniciaron xa a súa carreira profesional como especialistas, loitando fronte a maior pandemia do século. Onte tiña lugar o acto de despedida en Ourense.

As restricións de aforo, impostas polo estado de alarma, obrigaban a repetir, en catro ocasións, aos representantes da Comisión de Docencia e do equipo directivo, as verbas de agradecemento e ánimo aos novos e novas especialistas médicas, de psicoloxía, farmacia e de enfermería, das distintas disciplinas hospitalarias e de atención familiar e comunitaria.

A primeira das convocatorias congregaba aos oito novos especialistas dos servizos cirúrxico e de anestesia. Tres de Anestesioloxía e Reanimación; unha de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, Traumatoloxía e Ortopedia; Xinecoloxía e Obstetricia; Oftalmoloxía e Otorrinolaringoloxía.

Seguidamente o xerente da área, Félix Rubial, o presidente da Comisión de Docencia, o valdeorrés Jesús García Mata, e a xefa de estudos de Medicina Familiar e Comunitaria, Sandra Pardo, diriixíanse tamén aos residentes da Área Médica. Dúas novas especialistas en Pediatría e Áreas Específicas, un de Aparello Dixestivo; dous de Medicina Interna; unha de Nefroloxía; un de Pneumoloxía, e unha de Oncoloxía Médica.

 

 

A terceira quenda convocaba ás especialidades de Enfermería, Psiquiatría e Servizos Centrais. Un total de dez novos profesionais, das especialidades de Psiquiatría, con dúas novas especialistas; Enfermería Especialista en Saúde Mental, con outras dúas; dúas mais de Enfermería Especialista en Xinecoloxía e Obstetricia; unha de Análises Clínicos; unha nova Farmaceútica Hospitalaria; un novo especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública e outro en Radioloxía e Radiodiagnóstico.

A despedida aos novos trece especialistas en Atención Familiar e Comunitaria, oito novas médicas especialistas, tres médicos, dous enfermeiros especialistas, pechaba onte xoves ás 14.15 horas a intensa xornada de agradecementos.

Traballando en primeira liña

Os corenta residentes que agora rematan, viviron unha etapa singular xusto ao fin da súa etapa formativa, cando coa declaración da pandemia pasaron a formar parte do cadro de persoal dos distintos centros, tras prolongarse a súa contratación xa como especialistas, dacordo coa Orde da Consellería de Sanidade, para contribuir á resposta asistencial desta crise.

“Pese a ser voluntario, todos responderon positivamente á proposta de continuar traballando na Área Sanitaria de Ourense, unha vez recibido o informe favorable provisional da comisión de docencia, polo se lles prolongou a contratación, cunha retribución como especialistas, ou axuntos. En previsión das necesidades asistenciais e recoñecemento a súa labor desde hoxe ofertaráselles a todos eles prorrogar os seus contratos ata decembro”, segundo o Sergas.

 

 

A maioría mantíveronse ata agora nos seus respectivos servizos, e outros pasaron a reforzar áreas tan esenciais, como a atención aos pacientes positivos a domicilio desde a unidade de coordinación (ESCAH), no seguemento proactivo deste atención primaria, ou na atención directa aos pacientes Covid nas residencias integradas ou em de Piñor.

A Dirección da Área Sanitaria de Ourense facíase público o seu agradecemento “ao masivo compromiso e dispoñibilidade, así como do conxunto de todos os e as residentes en formación, que continúan a prestar un servizo imprescindible nestes días, con dedicación e espírito solidario”.

De dous a cinco anos de “residencia” e aprendizaxe

Dende 1977, data da Orde Ministerial que institucionalizou a nivel nacional a vía MIR, a Comisión de Docencia de Ourense, leva mais de corenta anos formando especialistas dun xeito continuado, aumentando progresivamente súa acreditación para impartir formación en novas especialidades, na actualidade vintetres con 58 prazas acreditadas.

A duración da etapa de formación dos residentes depende da especialidade elixida. Así a duración do período formativo dos especialistas en enfermería oscila entre os dous e os tres anos, e no resto de varía entre os catro e os cinco anos, sendo este último o que se corresponde coas especialidades cirúrxicas, medicina interna, intensiva e oncoloxía médica.

Artigos relacionados

Back to top button