SanidadeÚltima hora

A Área Sanitaria ourensá nega “recortes en servizos, persoal e orzamentos” no Hospital do Barco

Publicidade

 

En resposta á concentración celebrada esta mañá no exterior do Hospital Público de Valdeorras para pedir unha “sanidade digna” e para denunciar os recortes de persoal e servizos neste centro sanitario, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco vén de emitir un comunicado no que asegura que “non hai recortes de servizos, persoal ou orzamentos na sanidade pública de Valdeorras, nin antes nin durante a pandemia, todo o contrario, increméntanse de ano en ano”.

Sobre a falta de especialista en traumatoloxía de garda a pasada fin de semana, a xerencia da área sanitaria indica que “a baixa laboral dun profesional ou as dificultades para contratalos ou cubrir unha substitución non se poden confundir coa falta dese servizo, que se segue prestando e ofertando. Esta problemática afecta en maior ou menor medida na práctica totalidade de centros do sistema nacional de saúde”.

Ademais, sinálase que o “sistema de contratación de persoal no Hospital Público de Valdeorras é o que a lei permite e autoriza, o mesma que se empregaba en 2006, cando por única e primeira vez na súa historia o Hospital Público de Valdeorras suspendeu todas as intervencións cirúrxicas programadas por falta de anestesistas; ou en 2011, aínda coa denominación de Área Sanitaria en vez de Distrito, cambio que non modifica en absoluto a súa capacidade asistencial”.

Con relación á situación da atención primaria, a Área Sanitaria Ourensá di que “as listas de substitución están esgotadas (todos os profesionais están traballando) ao igual que no conxunto de Galicia. Pese a elo, e grazas ao compromiso dos profesionais, en ningún momento interrumpiuse a atención desde o centenar de centros de saúde e PAC de Ourense, por medio de solucións, voluntarias e retribuidas, como a intersubstitución e prolongación de xornada”.

Sobre a atención hospitalaría, a xerencia da área ourensá afirma que “estamos saíndo dunha pandemia mundial que, pese a súa intensidade, non colapsou ningún hospital público galego nin demorou operacións urxentes ou prioritarias, como as oncolóxicas. Como no conxunto do sistema nacional de saúde a atención á pandemia afectou á programación ordinaria. Para dar resposta á nova realidade post-pandemia, desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras porase en marcha este mesmo ano un plan especial para adiantar tanto as consultas como a programación cirúrxica, unha vez rematen os exames da OPE”.

Así mesmo, a Área Sanitaria ourensá adianta que “na procura de solucións, o goberno galego estuda a posibilidade de chegar a un acordo con Castela e León para compartir profesionais co Hospital do Bierzo, en Ponferrada, que tamén ten problemas periódicos de coberturas. Outra medida neste mesmo sentido contempla priorizar a cobertura da praza de traumatoloxía do Hospital Público Valdeorras”.

E ademais apunta que “ningún centro de saúde da provincia de Ourense ten lista de espera nin estrutural nin non estrutural” e que “o Servizo de Urxencias do Hospital Público como os PAC da bisbarra (Viana, Barco, Trives) ofertan os mellores tempos de atención de Galicia. As instalacións do PAC do Barco veñen de ser ampliadas e reforzouse cun novo facultativo o seu cadro de persoal”.

Finalmente, na súa nota de prensa, a Área Sanitaria ourensá asegura que “lamentablemente a responsabilidade de mellorar as comunicacións por estrada de Valdeorras non lle corresponde ao Servizo Galego de Saúde nin á Xunta, e sen dúbida a súa precariedade contribúe a dificultar a cobertura de persoal nos centros sanitarios públicos da provincia”.

Artigos relacionados

Back to top button