SanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá oferta contratos de longa duración de especialistas nos tres hospitais da provincia

Do total de 41 prazas ofertadas, 11 son para o Hospital Comarcal de Valdeorras e outras 11 para o de Verín

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras mediante a que se ofertan contratos de longa duración de persoal facultativo, de distintas especialidades, para os tres hospitais públicos da provincia, “unha iniciativa que tenta adiantar a cobertura das prazas que quedaron vacantes, por xubilación ou concurso de traslados, e se cubrirán definitivamente nas oposicións en curso”, segundo Sanidade.

En conxunto son 41 plazas de 21 especialidades, dezanove no Hospital Universitario de Ourense, once no Hospital de Verín e once no de Valdeorras. Delas, a máis numerosa é a de especialistas en Cirurxía Xeral e do Aparato Dixestivo, con sete prazas, seguida da de medicina interna, con cinco.

Por centros, en Valdeorras ofértanse once prazas, tres de Cirurxía Xeral e do Aparato Dixestivo, dúas de Medicina Física e Rehabilitación, e unha nas categorías de facultativo especialista en Dermatoloxía Médico Cirúrxica e Venereoloxía, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Interna, Medicina Preventiva, Obstetricia e Xinecoloxía, e Xeriatría-Hospitalización a Domicilio.

As convocatorias máis numerosas, no Hospital de Verín, son as de especialistas en Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Xeral e do Aparato Dixestivo, Medicina Interna, Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, con dúas prazas cada unha. Seguidas das especialista en Dermatoloxía Médico Cirúrxica e Venereoloxía, Oftalmoloxía e Pediatría, cunha praza ofertada en cada categoría.

Pola súa parte, no Hospital Universitario de Ourense, con dúas prazas as especialidades de Cirurxía Xeral e do Aparato Dixestivo, Medicina Interna, Pediatría, Pneumoloxía e Uroloxía, e con unha praza as categorías de facultativo especialista en Análises Clínicos, Anatomía Patolóxica, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, Microbioloxía, Neurocirurxía, Oftalmoloxía, Otorrinolaringoloxía e Radiofísica Hospitalaria.

 

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Por medio destas medidas extraordinarias, a dirección da Área Sanitaria segue a liña de promoción da estabilidade no emprego do persoal eventual, tentando acurtar os prazos de incorporación dos profesionais, prevista tras a resolución da fase de oposición que consolidará as prazas, agora vacantes por traslado ou xubilación, nos distintos centros da rede Sergas.

Sanidade lembra que “esta convocatoria súmase á do pasado mes de decembro de prazas de radioloxía no Hospital de Valdeorras, nun ano no que tamén se ofertaron 132 contratos de longa duración, no mes de novembro, para persoal sanitario, médico e non sanitario das distintas categorías, vinculadas aos tres hospitais e centros de saúde da provincia, co obxectivo de afondar na estabilidade no emprego do persoal eventual, complementando a oferta pública de emprego mediante concurso aberto, público e continuado, implantada no Sergas”.

As 132 prazas cubertas en novembro foron as vacantes xeradas polo concurso previo de traslados e xubilacións. Por centros corresponderon ao Hospital Universitario de Ourense, 74, Centros de Saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC) de Atención Primaria, 38, Hospital Comarcal de Valdeorras 10, e Hospital de Verín, 10.

 

Fachada do Hospital de Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais, a consellería indica que “ao longo deste ano, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras estanse ultimando os detalles de novas ofertas de contratación de longa duración noutras categorías, e cobertura estable de prazas de mandos intermedios para reforzar a resposta asistencial do sistema público de saúde a actual pandemia, na que se terá especialmente en conta o esforzo realizado polo persoal eventual durante os meses do estado de alarma e na prestación de servizos nas unidades de atención directa aos pacientes Covid”.

Artigos relacionados

Back to top button