SanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá prepárase para activar unha fase máis coa reubicación dos pacientes de Piñor

Hospital de Piñor.

Na mañá deste 2 de abril daba comezo o operativo de traslado dos 46 pacientes ingresados na Unidade de Rehabilitación Psiquiátrica do Edificio Piñor a un espazo cedido polo Bispado de Ourense, na “Casa de Exercicios”, no entorno do Seminario, que vén de ser renovada e foi acondicionada para a súa acollida.

“O traslado realizouse con medios propios da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, primeiro dos obxectos persoais dos pacientes e equipamento terapeútico e loxístico, e seguidamente dos residentes, en catro quendas para limitar os contactos. Concluíndo o operativo, sen incidencias pasadas, as 12.30 h”, segundo a Consellería de Sanidade.

Esta medida estaba recollida no Plan de Continxencia da Área Sanitaria fronte ao COVID-19 e ten unha dobre finalidade, “dispoñer do máximo de espazo existente en Piñor, para potenciais ingresos, en función das necesidades da pandemia, e doutra e alonxar, aos pacientes do Servizo de Psiquiatría, dun entorno de posible risco pola tránsitode ingresos positivos a COVID-19″, matiza o Sergas.

Ao longo das últimas semanas, desde a Dirección da Área procuráronse distintos espazos alternativos, “pero o ofrecemento por parte do Bispado da Casa de Exercicios foi decisiva. Nun entorno tranquilo e rodeada de natureza, constitúe o marco ideal para os pacientes e a continuidade dos seus tratamento, polo que tras ser visitado polos profesionais do Servizo, recolleuse esta alternativa no plano de continxencia“, prosegue a consellería.

Desde as novas instalacións, “todo está volvendo a normalidade, e tanto pacientes como profesionais valoran positivamente o seu novo entorno, no que tamén convivirán cos dous cans do servizo, que supoñen un apoio terapéutico no día a día”, di a consellería.

Desde a Dirección da Área Sanitaria trasladan o seu “agradecemento a todos os profesionais da Unidade e do conxunto do Servizo de Psiquiatría, así como ao persoal de loxística e recursos económicos, polo seu esforzo en lograr que todo transcurrise, dentro da excepcionalidade, con normalidade e, por suposto aos pacientes e as súa familias pola súa comprensión e facilidades, e ao Bispado pola súa colaboración sen reservas”.

Tamén se destaca o agradecemento á participación “imprescindible da Garda Civil e da Subdelegación de Goberno, para facilitar o traslado, e do Concello de Barbadás que comezaron, esta mesma mañá a limpar os exteriores de Piñor e mañá colaborarán na limpeza do interior de todo o edificio”, sinala Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button