SanidadeÚltima hora

A Área Sanitaria ourensá reforza o perfil técnico da súa dirección

O enxeñeiro Xavier Novoa asume a subdirección do departamento responsable da coordinación de obras, equipamento e integración de alta tecnoloxía

Xavier Novoa Conde, novo subdirector de Recursos Económicos, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e e Valdeorras./ Cedida.

 

Co nomeamento do enxeñeiro Xavier Novoa Conde como novo subdirector de Recursos Económicos, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e e Valdeorras reforza o perfil técnico deste departamento que, “ademais de xestionar o orzamento público máis elevado da provincia, é responsable de coordinar as obras, loxística e mantemento dos tres hospitais de Ourense, os seus 108 centros de saúde e 14 Puntos de Atención Continuada, nunha etapa de obras e novos equipamentos sen precedentes”, tal e como se sinala dende a Área Sanitaria ourensá.

Este será un dos principais retos do novo directivo, adianta Sanidade, tendo en conta que neste intre están en marcha as obras de ampliación dos hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras, a reforma dos centros de saúde de Ribadavia e A Arnoia, e nun futuro inmediato as de A Rúa e do Centro Integral de Saúde, no Novoa Santos, así como as de Medicina Nuclear e da nova UCI, xunto co novo equipamento tecnolóxico previsto: o segundo TAC en Valdeorras e, en Ourense, o PET, as novas salas de Hemodinámica e Radioloxía Intervencionista…

O ourensán Xavier Novoa é Enxeñeiro Industrial, especialidade electricidade, pola Universidade de Vigo, Enxeñeiro Técnico Industrial, especialidade automatización industrial, pola UNED; máster en Enerxías Renovables pola Universidade San Pablo-CEU; triple máster en Prevención de Riscos Laborais, Xestión de Calidade e Xestión dos Sistemas Medioambientais, pola Universidade de Barcelona, e Máster en Administración de Empresas (MBA) pola UNED, sendo ademais Técnico Superior de Prevención de Riscos Laborais.

Novoa está amplamente especializado no eido da xestión industrial de edificios e centros sanitarios, con experiencia e formación sobre instalacións eléctricas, térmicas, electromedicina, gases medicinais, sistemas frigoríficos e climatización, enerxías renovables e eficiencia enerxética, xestión da calidade, prevención de riscos e un longo etcétera. Áreas nas que posúe tamén experiencia docente e de titoría, sendo autor e coautor de numerosas publicacións técnicas sobre entornos sanitarios.

A súa traxectoria profesional está vinculada, dende 2009, aos servizos sanitarios públicos, traballando como enxeñeiro nas Áreas Sanitarias de Ferrol, ata 2019, e desde entón na Área de Vigo, como responsable da Oficina Técnica do Servizo de Mantemento.

Artigos relacionados

Back to top button