Última hora

A Área Sanitaria Ourensá, responsable da formación posgrao de 153 residentes

A Comisión de Docencia vén de iniciar as súas xornadas de portas abertas para facilitar o contacto entre os futuros residentes e os que serán os seus titores e compañeiros e compañeiras de elixir Ourense

Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No curso que está a piques de comezar, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ofertará 52 prazas de residentes nas diferentes especialidades médicas (MIR) de enfermería (EIR), farmacia (FIR) e psicoloxía (PIR) o que eleva a 26 as especialidades ofertadas ás que poderán acceder os futuros residentes, que en breve elixirán destino, entre todos os centros sanitarios do país.

“Para promover o coñecemento da nosa área entre os futuros especialistas, e facilitar a súa elección, a Comisión de Docencia vén de iniciar as súas xornadas de Portas Abertas para Futuros Residentes, que facilitan o coñecemento dos centros sanitarios públicos de Ourense e un contacto directo cos que serán, de elixir praza aquí, os seus titores e residentes maiores. Para lograr que a experiencia sexa o mais personalizada posible, en función das áreas ou especialidades de interese, que nalgúns casos son mais de unha, os e as interesadas poden contactar previamente coa Comisión de Docencia, nos teléfonos 988 369 822; 988 369 757 e 988 066 776 ou, por correo electrónico, na dirección: unidadedocente.ourense@sergas.es”, informa a Consellería de Sanidade.

153 residentes e 26 especialidades ofertadas

A Área Sanitaria de Ourense oferta formación posgraduada, nun total de 26 especialidades. Vía MIR: Análises Clínicas, Anestesioloxía e Reanimación, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparello Dixestivo, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Familiar e Comunitaria, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Nefroloxía, Neumoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría e Áreas Específicas, Psiquiatría, Radiodiagnóstico e Uroloxía.

Ademais, en enfermería (EIR), ofértanse catro especialidades: Pediatría, Familiar e Comunitaria, Obstétrico-Xinecolóxica e Saúde Mental. Ademais das médicas e as de enfermería, tamén se oferta formación especializada en Farmacia Clínica (FIR) e Psicoloxía Clínica (PIR).

Na actualidade a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O barco de Valdeorras é responsable da formación postgrao de 153 residentes, o que a converten nunha importante área de docencia universitaria fora do campus. Un investimento de futuro, clave no sistema sanitario público, ao que nosa Área adica 6.2 millóns de euros dos orzamentos de 2022.

Con case de 50 anos de traxectoria, nas distintas especialidades hospitalarias e, desde 1991, tamén nas de Atención Primaria, o sistema sanitario público de Ourense ten unha dilatada experiencia na formación universitaria postgrao, para o que conta na actualidade con preto dun centenar de titores e colaboradores docentes.

Acreditación do Hospital e o Servizo de Atención Primaria de Verín

Ademais do Hospital Universitario de Ourense, a provincia conta con seis Centros de Saúde acreditados polo Ministerio de Sanidade para a formación postgrao: os de Valle Inclán, A Ponte, Novoa Santos-O Couto, A Cuña, A Carballeira, Carballiño e Xinzo de Limia.

Para o vindeiro curso 2023-2024 a eles incorporaránse, o Servizo de Atención Primaria de A Limia, que inclúe a todos os seus centros de saúde e o PAC, e o Hospital e o Servizo de Atención Primaria de Verín.

A duración da etapa de aprendizaxe dos novos residentes depende da especialidade elixida. A maioría completarán no centro que elixan un mínimo de catro anos, cinco no caso das disciplinas cirúrxicas e da Medicina Interna, e tres nas especialidades de enfermería

Artigos relacionados

Back to top button