OurenseÚltima hora

A Asoc. Empresarial de Limpeza de Locais e Edificios de Ourense pide material de protección ás administracións

 

Entre os sectores situados en primeira liña na loita contra a pandemia do COVID-19 está o da limpeza. Del forma parte a Asociación Empresarial de Limpeza de Locais e Edificios de Ourense (Asorel), que vén de emitir un comunicado no que fai un chamamento “ás administración públicas para que garanticen o subministro de equipos de protección” fronte ao coronavirus que lles permitan desenvolver con seguridade o seu traballo.

Segundo explica a presidenta de Asorel, Concepción López, os empregados do sector da limpeza “adaptáronse con enorme efectividade e dilixencia aos novos requerimentos para a execución do seu traballo a partir do estado de alarma, situación que intensificou a necesidade de desinfectar e limpar máis a fondo todos os lugares para evitar a infección, asumindo para elo o uso de protocolos e produtos específicos e tamén a exposición ao risco de contaxio, pois aínda que é de lei protexer aos traballadores, por desgraza a maioría das veces o acceso a uns EPI’s dignos para desempeñar a tarefa é estremadamente restrinxido e complicado”.

Esta asociación explica que os seus profesionais “traballan en edificios, locais, oficinas, comunidades, hospitais, residencias, garaxes… tanto de natureza pública como privada” e que dende o inicio do estado de alarma “estámonos encontrando coa imposibilidade de protexelos como é necesario por falta de EPI’s, e na maioría dos casos realizan a tarefa sen as medidas de protección mínimas esixibles xa que escasean ou, directamente, non hai equipamentos dispoñibles para que estes traballadores leven a cabo o seu traballo con total seguridade”.

Por iso dende Asorel fan “un chamamento ás distintas administracións para que poñan fin a esta situación garantindo o subministro dos EPI’s, tan necesarios para éste e outros traballos, pero sobre todo para o da limpeza que, insistimos, é esencial para que se poidan desenvolver todos os demais, pois é un servizo vital e indispensable nestes momentos”.

Artigos relacionados

Back to top button