OurenseÚltima hora

A Asociación Amigos da República de Ourense aclara que non hai ningún acordo coa Deputación sobre o seu arquivo

A directiva desta entidade vén de emitir un comunicado explicando que foron dúas persoas "a título particular" as que cederon "material e documentación relacionadas coa asociación ata o ano 2008"

Despois de que a Deputación de Ourense anunciase un acordo entre esta institución e a Asociación Amigos da República de Ourense para custodar o seu arquivo, a xunta directiva desta última asociación vén de emitir un comunicado aclarando que non hai tal acordo.

“Dende a actual e vixente xunta directiva da Asociación Amigos da República de Ourense queremos informar á cidadanía e aos medios de comunicación de Ourense, de que hoxe soubemos polos medios de comunicación de que dúas persoas a título particular, e que hai anos foron membros da nosa directiva, doaron á Deputación de Ourense material e documentación relacionada coas actividades desenvolvidas pola Asociación ata o ano 2008”, sinala a entidade no seu comunicado.

Ademais, a asociación indica que “aledámonos de que cidadáns ourensáns comprometidos con valores progresistas e republicanos decidan doar ás bibliotecas e arquivos públicos material particular que cren que merece ser conservado en institucións públicas con instalacións adecuadas e persoal técnico especializado. Pensamos que é moi importante que se valoren as historias persoais contidas nos documentos, relevantes para a historia política e cultural da provincia. Asimesmo estamos satisfeitos de que a Deputación de Ourense anuncie a iniciativa de salvagardar e dixitalizar todos aqueles fondos documentais aos que se fai referencia nas noticias de prensa que apareceron o venres, 10 de xullo, nos medios de comunicación”.

Sen embargo, no comunicado matízase que “queremos aclarar que a Asociación de Amigos da República non asinou ningún acordo coa Deputación de Ourense nin tivo coñecemento previo de que este acto formalizado ía ter lugar”.

Artigos relacionados

Back to top button