OurenseÚltima hora

A Asociación Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa, recoñecida pola Igrexa

 

Hai máis de dous anos botaba a camiñar a Asociación Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa co obxetivo de pór en valor e divulgar o Camiño de San Rosendo, unha ruta milenaria que, partindo de Braga chega a Santiago, entroncando o seu discorrer en Ourense coa Vía da Prata.

“Foi na Casa dos Poetas, que, como se os grandes autores da comarca nos iluminasen nesta peregrinaxe que está tendo tan boas novas, onde nos reunimos para recoller o testigo de moitos estudos anteriores, investigacións e traballos feitos. E a partir de aí, comezamos a camiñar. Paseniño a paseniño, pero sen descanso. Como se fan os bos camiños. Reunímonos cos alcaldes polos que discorre a ruta para asinar un convenio de colaboración, investigouse o camiño, deseñouse o logo, fixose productos de merchandising e comezouse a andar a través de diferentes iniciativas”, contan os seus promotores.

Nas últimas semanas a súa actividade intensificábase. “Unha reunión co responsable da Oficina Internacional do Peregrino de Santiago de Compostela, Segundo Pérez López, deu como resultado a boa nova do recoñecemento oficial deste camiño por parte da Igrexa. A partir de agora, todos aqueles peregrinos que cheguen a Santiago seguindo este antigo roteiro de peregrinación recibirán a Compostela”, anuncian dende a asociación.

Por outra banda, e tras unha reunión mantida co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, esta semana “o Consello da Xunta aprobou a firma dun convenio de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, para que esta entidade elabore unha ferramenta metodolóxica, en base a criterios científicos, que avalíe o recoñecemento dos distintos itinerarios históricos como Camiños de Santiago. Un traballo que comportará o estudo do Camiño de San Rosendo”, adiantan dende a asociación que defende esta ruta.

Tamén aseguran que cada vez son máis os peregrinos que, “de maneira solitaria e ás veces anónima, escollen este Camiño para achegarse a Compostela. Neste mes foron varios os camiñantes de Andalucía, Portugal e mesmo da provincia de Ourense os que percorreron o noso territorio, gozando da paisaxe, do patrimonio e da nosa hospedería”.

Nesa mesma liña, o vindeiro 12 de decembro, o colectivo MiraXurés co apoio desta ssociación organizará unha nova etapa do Camiño entre Celanova e Ourense, peregrinaxe que continuará no 2022 cara a Compostela.

 

 

“Vías romanas, termalismo, gastronomía, natureza en estado puro atravesando a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gêres – Xurés e un amplo patrimonio no que se atopa a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, a capela mozárabe de San Miguel e, por suposto, o Mosteiro de Celanova (custodio das reliquias de San Rosendo e San Torcuato, varón apostólico de Santiago), son algún dos atractivos que nos podemos atopar ao longo do Camiño”, indican dende a Asociación Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button