Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A Asociación Cociña Ourense vístese de longo en Xantar

Doce dos trece cociñeiros que a conforman, participan con obradoiros nesta edición do Salón Inernacional de Turismo Gastronómico

Dábase a coñecer en Fitur (Madrid), no marco da presentación da 20 edición de Xantar, pero era en casa onde Cociña Ourense se vestía de longo, presentándose oficialmente no marco da 20 edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se está celebrando en Expourense, onde iniciaban a súa actividade con doce obradoiros de cociña, o primeiro da man do chef do Restaurante La Viúda, Anxo Trives.

Cociña Ourense é unha asociación formada por trece cociñeiros que, en palabras do presidente da Deputación Manuel Baltar, nace co obxectivo de “amosar ao mundo o mellor da gastronomía ourensá, elaborada con produtos autóctonos, e defender o compromiso coa terra e coas excelencias eno-gastronomicas dun territorio no que destaca a calidade da nosa horta, os pratos tradicionais e o alto valor culinario e agroalimentario dos nosos produtos”.

Impulsada pola Deputación de Ourense, ao fronte están os cociñeiros Miguel González e Marco Varela, presidente e vicepresidente, respectivamente, e conta tamén con recoñecidos restauradores de establecementos hostaleiros de Ourense, Verín, Celanova, Trives, Ribadavia e Pereiro de Aguiar.

Na presentación, o presidente do colectivo asegurou que son “13 soñadores, loitadores e profesionais da cociña que ante todo somos ourensáns, que non van deixar de traballar para levar a Ourense ao sitio onde cremos que debe estar”. As vindeiras iniciativas de Cociña Ourense será estar presente en Forum Coruña e no encontro gastronómico internacional Enbiga, e entre as innovacións que prevé desenvolver figuran “traballar co Campus de Ourense e outras universidades para investigar no estudo das augas das Burgas para a súa utilización na alimentación; e no ámbito da cooperación, asinar convenios con entidades vinculadas á formación gastronómica, como a Escola de Hostalaría de Vilamarín”, destacou o presidente de “Cociña Ourense”. Miguel González agradeceu o apoio de Manuel Baltar e da Deputación de Ourense para levar a cabo esta iniciativa, “e defender a creación dunha “cultura gastronómica” na provincia, tamén entre os máis pequenos, para contribuír a unha alimentación sa”, salientando o carácter de “gran motor económico” que a gastronomía ten na provincia de Ourense.

Potenciar os produtos de proximidade e apoiar, entre outros, aos pequenos produtores e difundir nacional e internacionalmente as excelencias da gastronomía ourensá, son outros dos obxectivos que se marca Cociña Ourense, que xa traballa para que Ourense acolla en 2020 o Congreso de Gastronomía, coa presenza de destacadas figuras do ámbito gastronómico internacional.

Trala presentación, Miguel González e Alejandro Rubín asinaban un convenio de colaboración entre a Asociación Cociña Ourense e Xantar.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button