EconomíaEconomíaÚltima hora

A Asociación de Empresarios da Raña aposta por integrar nesta entidade ao conxunto de industrias deste polígono barquense

Esta cuestión analizábase no decurso da asemblea anual que celebraban o 16 de decembro

Imaxe da asemblea da Asociación de Empresarios do Parque Industrial da Raña (O Barco).

A Asociación de Empresarios do Parque Industrial de A Raña (O Barco) celebraba na tarde do 16 de decembro a súa asemblea ordinaria anual do 2019 nas instalacións de Cubiertas Hermanos Blanco S.L.U., situada neste polígono barquense.

“Un dos temas máis recurrentes nesta ocasión foi a necesidade, para o ben común, de que todas as empresas que teñen as súas instalacións no parque empresarial pasen a formar parte da asociación, dada a importancia de manterse unidos para así facer máis forza ao solicitar melloras, reformas e solucións que incentiven o comercio nesta zona, á par de que máis empresas desexen traer as súas instalacións á Raña”, tal e como se informaba dende a asociación ao termo da xuntanza.

Tamén se tiñan en conta as melloras realizadas polo Concello do Barco, agradecéndolle así ao alcalde do Barco, Alfredo García, que “cumprise parte das promesas feitas no mes de marzo, esperando que o resto de peticións se leven a cabo no próximo 2020, e recordándolle así que o parque industrial necesita dun mantemento continuo”, engaden estes empresarios.

Dende esta entidade tamén se insiste en que continúan traballando para “facer que o Polígono da Raña termine por ser un referente na zona en canto a industria e emprego”.

 

Artigos relacionados

Back to top button