En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno estuda a posibilidade de solicitar unha subvención de Turismo

Vilamartín de Valdeorras acollía unha reunión informativa sobre a liña de axudas convocada pola Xunta

Representantes dunha docena de concellos, galegos e da zona leonesa do Bierzo, da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago, asistían na mañá do 30 de xaneiro a unha reunión en Vilamartín de Valdeorras, concello que asume a vicepresidencia do colectivo creado para impulsar a ruta xacobea dende Ponferrada ata Compostela que entra en Galicia seguindo o curso do río Sil. “Todos temos moitas ideas pero para levalas a cabo necesitamos cartos e a forma de conseguilos é a través de subvencións”. Con estas palabras, presentaba o alcalde Enrique Álvarez a reunión, convocada, entre outros asuntos, para informarse sobre as axudas convocadas hai uns días pola Axencia de Turismo da Xunta de Galicia ás que poden ter opción, como concellos e tamén como asociación.

Da información encargouse Javier Otero, director dunha empresa de desenvolvemento territorial con sede en Ourense que xa ten realizado varios proxectos na comarca de Valdeorras, explicando con detalle as liñas de axuda, dirixidas principalmente a temas de embelecemento (paisaxismo, BICS), recuperación do patrimonio, melloras de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos (colocación e mantemento). “Pódese presentar un único proxecto que pode ter varias actuacións de forma coordinada, que se seleccionarán polo sistema de concurso necesitando un mínimo de 30 puntos e o prazo para solicitalo remata o 18 de febreiro”, dixo. O total da subvención son 45.000 e dende a consultoría propoñen traballar sobre a sinalización, “pero non sobre os indicativos da ruta que xa están normalizados e dos que se ocupa o Xacobeo, senón para darlle un novo enfoque ao Camiño de Inverno como escaparate turístico e cultural dos concellos polos que pasa, coa colocación de paneis informativos ao longo do percorrido. Sería unha forma de diferencialo dos outros camiños, plantexalo como unha ruta que se fai de forma máis relaxada, desfrutando da natureza e de todo o entorno”.

Despois de explicar a proposta polo miúdo e respostar as cuestións plantexadas, os asistentes decidían estudar as posibilidades que teñen e convocar unha nova reunión de cara á vindeira semana, previsiblemente en Pantón ou Monforte, para tomar unha decisión.

Á xuntanza celebrada en Vilamartín, tamén asistía a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias e o director da empresa de xestión e desenvolvemento deportivo Movents, David Álvarez. Asunción pediu aos responsables dos concellos do Bierzo que intentaran incluír o nome de “Camiño de Inverno ou Camino de Invierno” no selo da acreditación do punto de partida (o albergue) para que na Oficina do Peregrino de Compostela, teña claro que pasaron por esta ruta e non polo Camiño Francés. David pola súa banda, presentou aos asistentes o proxecto de aluguer de bicicletas de montaña eléctricas dende Ponferrada ata Santiago, un servizo en marcha dende o 2018 que promocionarán de cara ao exterior coa Pilgrim Experiences, unha proba en bicicleta de tres días que mestura deporte, turismo, cultura e gastronomía, que sairá o 21 de xuño de Ponferrada e rematará o 23 en Santiago, seguindo o Camiño de Inverno.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button