En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia recoñece o apoio de persoas e institucións ao sector

A primeira edición dos premios desta entidade vén de distinguir ao Concello de Quiroga, ao CSIC, a Charo Andrade, a Piñeira, á Fundación Juana de Vega e á Consellería do Medio Rural

 

Coincidindo co inicio da campaña de oliveiras do 2018, a Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (APAAG) vén de entregar os primeiros premios para recoñecer o labor das persoas e institucións que apoian á entidade ao desenvolvemento do sector do aceite en Galicia. Facíano nun acto celebrado na Almazara Ouro de Quiroga nunha chuviosa mañá de 10 de novembro, que contaba coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González.

A entrega iniciábase coa intervención do presidente de APAAG, José Antonio García, quen explicaba o nacemento da asociación a finais do 2014, “promovida por un grupo de produtores interesados no cultivo das oliveiras en Galicia”, os seus obxectivos e o seu desenvolvemento ata hoxe, no que conta con 130 asociados de diferentes puntos da comunidade. Ademais plantexaba unha serie de demandas dirixidas á Administración galega de cara a impulsar este sector produtivo e con el ao medio rural.

Deseguido, García entregaba o primeiro dos galardóns ao Concello de Quiroga, que era recollido polo seu concelleiro de Medio Ambiente, José Ángel Rodríguez, quen lembraba a aposta que leva facendo esta administración local polo aceite dun xeito pioneiro e dende os anos 90, “momento no que ninguén falaba de aceite en Galicia”. Referíase tamén a restauración do muíño de Bendilló e a creación no 2000 da Mostra do Aceite de Quiroga.

O acto continuaba coa entrega de galardóns ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) polo seu labor investigador (recollido pola científica Carmen Martínez), a produtora Charo Andrade “que leva o nome da asociación máis alá das nosas fronteiras”, a Piñeira “en recoñecemento a toda unha traxectoria de moitos anos promovendo a recuperación do cultivo de aceite na zona de Quiroga”, á Fundación Juana de Vega polo “seu labor e apoio investigador” e á Consellería do Medio Rural “polo seu labor a prol da recuperación do cultivo de oliveiras en Galicia como unha aposta pola dinamización do medio rural”.

Este último recoñecemento recollíao o propio titular da consellería, José González, quen expresaba a súa felicitación aos demais premiados e destacaba a “vocación aceiteira” deste concello e da contorna e que supón un elemento dinamizador para desenvolver a zona.

En Galicia hai preto de 40 explotacións dedicadas ao cultivo de oliveira, a maior parte concentradas nas comarcas de Quiroga e Valdeorras. “Temos, polo tanto, en Quiroga, os principais ingredientes para garantir o éxito presente e futuro do aceite galego: historia, cultivo, terra e homes e mulleres implicados neste labor ancestral”, indicaba. Tamén lle reposta ao presidente da asociación indicando que tomaba boa nota das súas demandas.

O acto, ao que asistían diversas autoridades (como os alcaldes do Barco, Arnoia, Trives e Ribas de Sil e o director da Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria, entre outras) concluía cunha degustación de aceites de oliva da asociación.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button