En portadaÚltima hora

A Asociación de Turismo e Hostalería de Trevinca–A Veiga, no proxecto europeo Highlands3 de posta en valor da montaña

Esta iniciativa poñíase en marcha a mediados do mes de febreiro en Bruxelas (Bélxica)

De esquerda a dereita: Valerià Paül, da USC con representantes de TREVIHOST (Cholo, Gloria, Marcos , Eduardo, Elena e Juanjo), con / Foto: TREVIHOST.

 

Entre o medio cento de socios do proxecto europeo Highlands3 está a Asociación de Turismo e Hostalería de Trevinca – A Veiga (TREVIHOST). Esta iniciativa europea, que aposta pola montaña, botaba a andar o 10 de febreiro en Bruxelas e desenvolverase nos vindeiros catro anos (2020-2023).

Hightlands3 está financiado pola Unión Europea a través da convocatoria RISE do Programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020 e destínase ao intercambio de persoal académico e de institucións privadas en relación con experiencias de desenvolvemento territorial en áreas de montaña de Europa.

Así, nos próximos anos visitarán A Veiga expertos de moitos países europeos. “En 2023, o seminario de peche do Proxecto Highlands3 celebrarase en A Veiga, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Tamén algúns/algunhas asociados/as de Trevihost terán a opción de viaxar por un mes a distintas partes de Europa para coñeceren outras experiencias, cos gastos pagados polo Proxecto”, tal e como se informa dende TREVIHOST.

Esta asociación de hostalería estivo presente no seminario inicial de Highlands3, celebrado na Scotland House en Bruxelas, con representantes de toda a rede de institucións e máis a Comisión Europea.

 

Seminario inicial de Highlands3, celebrado na Scotland House en Bruxelas (Bélxica)./ Foto: TREVIHOST.

 

“Despois de dous intentos anteriores, a nosa asociación conseguiu participar nun proxecto financiado pola Unión Europea que ten que ver coa posta en valor de territorios de montaña. Este proxecto é de sumo interese para o coñecemento e internacionalización do noso territorio de montaña de Trevinca-A Veiga”, resaltan Marcos Pérez Rivas, coordinador do proxecto en TREVIHOST.

O departamento de Xeografía da USC e, dentro del, o profesor Valerià Paül, gran coñecedor das montañas de Trevinca, é o responsable deste importante proxecto que “posicionará e dará a coñecer o nome de Trevinca-A Veiga en moitos países europeos”, matizan dende esta asociación de hostalaría veiguesa.

Highlands3 apostará polo intercambio de experiencias turísticas e de conservación da Natureza de Montaña con expertos e profesionais de todo o mundo. Neste proxecto participan socios da Europa comunitaria, Europa non comunitaria, Patagonia, Colombia, Perú, Arxentina, Brasil, Nepal, etc.

“Soamente a USC e TREVIHOST participan a nivel estatal neste proxecto. O resto dos socios europeos, son outras universidades, entidades de xestión de espazos naturais e/ou institutos de investigación”, apunta Marcos Pérez Rivas.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close