EconomíaEconomíaÚltima hora

A Asociación Forestal de Galicia pide mellorar a fiscalidade forestal e actualizar do Catastro de Rústica

Así o acordaban os seus asociados na XXXV asemblea xeral da entidade celebrada hoxe no Pazo de Toubes en Cenlle

 

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) vén de celebrar neste sábado a súa XXXV Asemblea Xeral no Pazo de Toubes, en Cenlle, un acto que contaba coa asistencia de propietarios forestais e representantes de comunidades de montes veciñais de Galicia. No decurso da xornada poñíanse de manifesto algunhas das propostas que teñen os silvicultores para mellorar a xestión do monte. En concreto, a Asemblea aprobou dúas resolucións sobre cuestións que os propietarios consideran prioritarias: a mellora da fiscalidade forestal e a actualización do Catastro de Rústica.

Sobre a fiscalidade, a Asociación Forestal de Galicia ten principalmente tres propostas. A primeira delas é “permitir que tódolos propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos)”. A actual fiscalidade forestal, di a AFG, “penaliza os aproveitamentos forestais de turnos longos, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior ós 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias. En aproveitamentos de turnos longos, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa -por exemplo, a gran maioría das persoas autónomas-, pagan ata catro veces máis impostos no Imposto da Renda que as persoas que estean no Réxime de Estimación Obxectiva (como os traballadores por conta allea)”.

Esta asociación incide en que o “problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ao real. Dáse o contrasentido de que estes propietarios pagan máis canto máis se alonga a quenda de corta, cando na práctica, a taxa de retorno de investimentos dos piñeirais e das plantacións de frondosas é menor que nas especies de crecemento rápido”.

Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de turno longo, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciou xestións ante o goberno para modificar a fiscalidade. Os silvicultores piden que tódolos propietarios forestais particulares poidan tributar a súa actividade forestal no Réxime de Estimación Obxectiva.

 

 

Outra da cuestións que de AFG é, “no caso dos montes veciñais, proceder a unha exención parcial do imposto de sociedades nos aproveitamentos forestais de turnos longos. Esta medida, igual que no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e aportaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias (castiñeiros, cerdeiras, carballos, etc.) e de coníferas”. Ademais esta asociación propón “establecer deduccións do 20% do IRPF para os investimentos no monte. A deducción do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes”.

Catastro de Rústica

Outra das actuacións prioritarias que contribuiría á mellora da xestión forestal, resalta a AFG, é a actualización do Catastro de Rústica. “O actual Catastro está desactualizado e contén numerosos erros, o que dificulta todo tipo de actividades forestais (cortas, solicitude de axudas, etc.). A situación do Catastro é ademais un obstáculo claro para a posta en marcha de agrupacións conxuntas de xestión forestal, que contribúan a solventar os problemas derivados do minifundio. Os erros do Catastro dificultan a identificación de propietarios e parcelas, o que converte calquera proxecto de agrupación nunha tarefa titánica”.

 

 

A Asemblea da AFG acordou emprazar ás Administracións a poñer en marcha unha urxente revisión do Catastro, a fin de actualizalo e de resolver os problemas que presenta.

Ademais, tras unha proposta presentada por socios no transcurso da xuntanza, acordouse trasladar á Administración a necesidade de revisar a compensación ós propietarios dos terreos afectados polos proxectos de parques eólicos, dado o impacto que supón no territorio.

Unha vez finalizada a asemblea o cento de persoas asistente compartía un xantar de confraternidade e, pola tarde, unha parte desprazarase ao bosque de Ridimoas (Beade), onde se programou unha visita a este espazo singular orientado á conservación.

Fotos cedidas pola AFG.

Artigos relacionados

Back to top button