CulturaCulturaÚltima hora

A Asociación Veciñal de Vilachá de Salvadur colabora coa RAG nun proxecto de toponimia

Trátase dunha iniciativa aberta e participativa no que identificar a microtoponimia de toda Galicia

Publicidade

 

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón) vén anunciar que recibiu a “validación dos 100 primeiros topónimos cos que iniciou a colaboración co proxecto “Galicia Nomeada”, impulsada e coordinada pola Real Academia Galega (RAG). Trátase dun proxecto aberto e participativo no que identificar a microtoponimia de toda Galicia. A asociación púxose en contacto tanto coa directiva da RAG como cos responsables do proxecto e a propia Comisión de Toponimia para formalizar esta colaboración”.

Para esta validación dos topónimos, explican dende esta entidade veciñal, fixo falta o aval dun especialista en materia filolóxica que, “neste ocasión, é un dos membros da directiva. Desta maneira, a Real Academia Galega outorga un recoñecemento ao traballo da asociación e recoñece a importancia da implicación do asociacionismo de base”.

A tarefa realizada dende a asociación parte do traballo de campo e do estudo posterior. A estes primeiros 100 topónimos validados agardan veña outra ampla remesa de novos topónimos que completen a cartografía onomástica de Vilachá.

“A importancia da toponimia é enorme posto que representa un patrimonio inmaterial en perigo xa que coa morte das persoas máis vellas tamén se van perdendo algúns topónimos. Por iso, dende a Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur tamén chamamos a que outras asociacións e colectivos de parroquias da Ribeira Sacra participen en “Galicia Nomeada” para asegurar a conservación e pervivencia da toponimia de toda esta comarca”, indican dende esta entidade.

Artigos relacionados

Back to top button