ConcellosEn portadaÚltima horaVilariño de Conso

A Asociación Vive Vilariño, unha aposta ilusionante por revitalizar o rural en Vilariño de Conso

Botaba a andar hai pouco máis dun ano, está organizando con éxito actividades de dinamización social, educativa, deportiva e, mesmo turística, neste municipio

 

Poñer en valor de forma integral o rural, as súas xentes, a paisaxe, o patrimonio e os servizos e produtos de Vilariño de Conso. Con ese fermoso e ambicioso obxectivo botaba andar hai pouco máis dun ano a Asociación Vive Vilariño. “Creouse para dinamizar o tempo libre e dar a coñecer o noso concello. Actuamos no ámbito social, educativo, deportivo, lúdico, turístico, no ámbito da muller, da infancia e dos maiores”, destaca Yolanda Rodríguez Salgado, presidenta desta asociación, de cuxa directiva tamén forman parte Lorena Garía Barja (secretaria) e Marina Blanco Fernández (tesoureira).

Eran moitos os proxectos que tiñan en mente inicialmente para o 2020, boa parte dos cales se vían truncados pola pademia do Covid-19. “Tivemos unha estrea un pouco complicada polo tema do coronavirus, comezamos con moitas actividades e plans que nos vimos obrigadas a cancelar”, lembra. Foi o caso dunha iniciativa especialmente demandada no municipio, que tivo que aprazarse e que aínda non se puido realizar. “As veciñas querían ir a natación e xa tiñamos todo programado para unha viaxe a Manzaneda, cando xusto pechouse todo e xa non puidemos levalo a cabo. De momento, estamos esperando para poder retomar esa actividade”, sinala a presidenta.

 

A directiva de Vive Vilariño con dúas socias voluntarias./ Foto cedida.

 

Aínda así, con moita ilusión, empuxe e traballo desinteresado Vive Vilariño desenvolvía ao longo destes meses, incluídos os do confinamento, unha variada e intensa actividade en ámbitos moi diferentes e con accións pensadas para todas as idades, dende os meniños ata os máis maiores.

“Organizamos retos para os nenos, para telos entretidos nas casas, tamén traballamos cos maiores, por exemplo, elaborando boletíns de memoria semanalmente que íamos entregando polas casas. Esta iniciativa xurdiu no confinamento pero continuamos facéndoo para manter o vínculo e o contacto entre a xente maior que está nas aldeas, como unha especie de acompañamento. Ademais colaboramos moito co Concello, que nos encarga actividades como uns almorzos saudables que se lle dan aos nenos da gardería e do colexio a través nosa. Proxectamos cine no verán (os venres) no río ao aire libre, organizamos os campamentos infantís e actividades en materia de igualdade, co tema da muller…”, explican dende a asociación. No 2020 tamén desenvolvían un programa de voluntariado, no que lle daban traballo a 9 voluntarios, rapaces da zona, “e este ano xa o volverémolo a pedir”, adiantan.

 

Cartel dunha das actividades organizadas o pasado ano por esta asociación.

 

E fronte ás limitacións en certas actividades pola situación de pandemia, outros aspectos, como a promoción turística deste municipio de alta montaña, víanse especialmente impulsados precisamente por estas circunstancias. Por exemplo, Vive Vilariño toca ámbitos como o sendeirismo, con fins deportivos, culturais e mesmo medioambientais.

“Organizamos andainas como a micolóxica, que se celebrou no outono. Tamén facemos andainas ecolóxicas recollendo lixo e, sobre todo, buscamos promocionar as nosas rutas, con percorrido como o que fixemos a primeiros de abril ata o Castelo de Cerveira. Temos un concello moi bonito e ata agora moi descoñecido, pero vemos que está rexurdindo. Contamos cunha páxina de Vive Vilariño con bastantes seguidores e empezamos a promocionar todo o tema de sendeiros e penso que se lle deu un impulso moi grande con propostas como a do bambán máis alto de Galicia. Nestes meses pasamos de non vir ninguén a Vilariño a que todas as fins de semana haxa colas nesa ruta, ou sexa que estamos moi contentas”, resalta Yolanda Rodríguez.

 

O bambán máis alto de Galicia, en Vilariño de Conso, que se fixo viral.

 

Outra das súas pretensións é a de promocionar a diversidade e calidade dos produtos locais de Vilariño, dende a carne de cabrito ata o delicioso montonico; así como dos servizos que prestan as súas empresas. “A nosa páxina de facebook (https://www.facebook.com/viveVilarino/) está tendo moita repercusión e nela imos difundindo todo o relacionado con Vilariño: empresas, produtos… Por exemplo, unha das últimas publicacións que fixemos, na que damos a coñecer a ruta do Camba, tivo un alcance de 26.000 persoas. Dese xeito intentamos darlle un pouco de vida a isto todo”, explica a presidenta de Vive Vilariño.

 

 

Despois deste ano de andaina, a asociación fai un balance moi positivo e afronta con moitas ganas e ilusión o futuro. “Custa moito empezar, pero cando ves que empezan a saír as cousas e a gran resposta dos socios e da xente, pouco a pouco xa te animas”, destacan dende a directiva de Vive Vilariño.

Fotos: Vive Vilariño.

Artigos relacionados

Back to top button