CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A auga, a árbore e a poesía, protagonistas do día na Insua dos Poetas, no Carballiño

Máis de 250 alumnos da comarca realizaron actividades artísticas para conmemorar estas efemérides culturais e medioambientais

A Insua dos Poetas, na Esgueva (Madarnás, O Carballiño) acollía na mañá do 22 de marzo, a celebración dos Días Mundiais da Auga, da Árbore e da Poesía, coa presenza de máis de 250 alumnos procedentes de centros de ensino da comarca e tamén do colexio Maristas de Ourense. Coa auga como fío condutor, os mozos realizaron unha actuación poñendo música, poesía, relatos e cor ao acto. Cada actuación estaba dividida en dúas partes: unha presentación e xustificación da palabra elixida e relacionada coa auga como dedicatoria á Fonte das Sete palabras, e a actuación escénica de canción, microteatros, poemas, xogos… sobre diferentes temáticas vencelladas á auga. Como remate das actividades, os alumnos dividíronse en grupos para plantar árbores de distintas especies autóctonas (castiñeiro, bidueiro, carballo, salgueiro, freixo…) na Insua dos Poetas.

Durante a introducción do evento, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, manifestou o seu orgullo por participar na Insua do Poetas e felicitou aos profesores por facer realidade “un soño como este, e darlle vida o noso rural ao estar hoxe nun enclave paradisíaco como este”, asegurando aos rapaces que eles son “a parte fundamental dese Ourense, do presente e do futuro, que hoxe nos trae aquí para falar de medio ambiente e de auga”.

No acto tamén participou o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas e do PEN Galicia, Luis González Tosar quen destacocu “o labor dos centros educativos participantes e o protagonismo dos escolares, os ourensáns do futuro, nesta celebración”. Asemade, González Tosar salientou “o compromiso da mocidade actual, co respecto pola natureza e pola defensa do medio natural”, destacando a importancia que ten auga por ser “o ben máis prezado da humanidade”.

Ademais dos alumnos e profesores, a celebración tamén contou coa presenza do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega quen incidiu na importancia que ten a auga na nosa vida afirmando que “a cantidade de auga que hai no planeta é sempre a mesma, pero introducimos cada vez máis cantidade de auga no ciclo vital e no ciclo industrial, e devolvémola contaminada, polo que é un ben que pasou de ser libre a escaso”; e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García quen centrou o seu discurso na importancia da palabra “que nos achega valores e nos permite relacionarnos”, e engadiu “esta tremenda riqueza irá sempre con vós; a palabra, a identidade, e a cultura acompañaravos sempre”.

Artigos relacionados

Back to top button