ConcellosÚltima hora

“A auga desencorada da presa de Santiago é inferior ao dunha enchenta normal nun ano pluviometricamente de grandes aportacións”

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, di que "máis alá da alarma creada temos que estar tranquilos porque os efectos do desprendemento da comporta da presa de Valencia do Sil non son a destacar"

O presidente da Confederación Hidrográfica do MIño-Sil, José Antonio Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) tamén se valoraba esta mañá o desprendemento na tardiña de onte da comporta central da presa de Santiago en Valencia do Sil (Vilamartín). “Isto sucede porque se desencaixa o eixe de rotación da mesma comporta no seu dado de formigón, e os efectos inmediatos que ten este incidente é un desaugue maior do habitual dunha parte do volume encorado”, sinalaba o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.

Ademais explicaba que “este é un pequeno encoro de categoría C cunha capacidade de 1,14 hectómetros cúbicos, polo tanto, estamos diante dunha pequeniña presa que ten a súa importancia, pero tamén hai que situala no seu contexto. Ademais hai que clarificar que está dentro dun sistema de presas continuas dende a entrada do Sil en Galicia ata practicamente a súa desembocadura”.

Quiroga concretaba tamén que “o nivel de auga desencorado por este incidente supón unha elevación do nivel no seguinte encoro, que é o de San Martiño, duns 50 cm, e que foi absorbida sen ningún incidente. Ademais debemos aclarar que pola noite a empresa concesionaria, Iberdrola, procede a colocación dunha ataguía que evita que se siga vertendo auga do encoro de Santiago en Valencia do Sil, e de feito, a partir da colocación desa ataguía o nivel de volume de augas comeza a recuperarse e, neste momento, xa recuperou uns 4,5 m, quedándolle 2,5 para chegar á coroa da propia presa”.

O presidente da CHMS quería transmitir tamén unha mensaxe de tranquilidade indicando que este “é un incidente que alarmou aos veciños e un pouco a todos, pero tamén hai que aclarar que non hai uns efectos considerables que se poidan destacar, e a mellor maneira de exemplificar isto é que o nivel de auga desencorado da presa de Santiago é un nivel inferior ao que sería o nivel de auga dunha enchenta normal nun ano pluviometricamente de grandes aportacións. Entón, máis alá da alarma creada temos que estar tranquilos porque os efectos non son a destacar”.

Neste senso, José Antonio Quiroga matizaba que “isto non supón minusvalorar o incidente, senón que está aberto un procedemento de investigación. A concesionaria deberá ter a disposición os seus propios mecanismos internos de investigación e a propia confederación tamén ten posto en marcha unha investigación sobre as causas que provocaron este incidente do desprendemento da comporta”.

Artigos relacionados

Back to top button