CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Banda de Gaitas do Bolo presentarase o 14 de xullo no II Festival no Castelo

A fortaleza medieval acollerá a actividade que contará cunha exhibición de cetrería

Por segundo ano consecutivo, a música tradicional e a cultura medieval danse cita no Castelo do Bolo, nun festival que terá lugar o 14 de xullo, ás 17horas, e no que se homenaxeará ao grupo de música tradicional Os Rosales de Rianxo.

O programa do II Festival no Castelo, que será presentado por Manola Porto, inclúe, nese contexto de cultura medieval, un espectáculo de cetrería a cargo das Rapiñas do Salnés, ademais das actuacións de Alba María, Os Rosales de Rianxo, o Grupo de Zanfonas da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, as Cantareiras da Seitura de Lentellais e a Banda de Gaitas do Bolo, composta por 20 nenos que actuarán por primeira vez no festival. Tamén participará a Real Banda de Gaitas da Deputación, o gaiteiro Óscar Ibáñez e os alumnos das Escolas Abertas da Secretaría Xeral de Emigración, coa participación de Cuba, Arxentina, Venezuela, Uruguai, Perú e Suíza. Asemade, o castelo acollerá unha exposición de gaitas primitivas, do 12 de xullo ata o 25 de setembro.

A presentación do festival, que remataba coa Xota de Beariz interpretada polas cantareiras da Real Banda de Gaitas, tiña lugar na mañá do 5 de xullo no Pazo Provincial, coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do deputado de Cultura, Manuel Doval; do director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; do alcalde do Bolo, Manuel Corzo; e do gaiteiro, Óscar Ibáñez.

Artigos relacionados

Back to top button