CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Banda de Gaitas Nova Era de Verín leva a súa música ás portas das residencias da comarca

A agrupación ten programado un ciclo de concertos no exteriores destes centros de maiores para poder achegarlles a súa música e "dar a benvida a un 2021 esperanzador"

 

No marco da celebración deste 1 de xaneiro, día de Aninovo, un cuarteto da Banda de Gaitas Nova Era achegábase ata a porta do Fogar Santa María de Verín para tocarlle aos máis maiores. Deste xeito esta agrupación quere “dar a benvida a este aninovo dándolle un pouco de alegría a un dos colectivos máis afectados pola crise da Covid-19”, asegura. Con este fin, programou un ciclo de concertos de grupos reducidos nos exteriores das residencias e centros de maiores para que poidan gozar coa súa música dunha maneira completamente segura.

Co fin de garantir ao máximo as medidas sanitarias, os músicos, en grupos de catro integrantes, achegaranse ata as beiras dos edificios para que o son das gaitas e da percusión alegre aos maiores nos interiores dos centros. “A iniciativa foi moi ben recibida polas responsables dos diferentes centros e polas autoridades. Non supón ningún risco, pois os integrantes da banda non chegan a entrar no edificio, pero si o fará a súa música, que porá a banda sonora a un comezo de ano esperanzador”, din os seus promotores.

“Fainos moita ilusión esta iniciativa. Os nosos maiores levan un ano moi complicado. Moitos non puideron nin ver aos seus familiares no Nadal. Como músicos, é case a nosa responsabilidade achegar un grao de area para facerlles máis amenas estas datas tan marcadas” , resaltan dende a Banda de Gaitas Nova Era.

 

 

O ciclo continuará o vindeiro 3 de xaneiro na Residencia Val de Monterrei e o 4 de xaneiro no Centro de Día Raiola de Verín. En cada concerto participarán diferentes músicos da banda e aínda estudan achegarse a máis centros proximamente.

A Banda de Gaitas Nova Era acababa de publicar o seu primeiro disco, ‘Rumbo NE’, o pasado mes de decembro de 2019. O 2020 chegaba cargado de proxectos musicais que se viron adiados pola pandemia. Tras un ano complicado, a agrupación da a benvida ao 2021 con ilusión e con novos proxectos para que a música continúe a prol dun sentimento firme: a cultura é segura.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button