CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Banda de Gaitas Nova Era leva a súa música ao Centro de Día Raiola de Verín

Esta visita facíase coincidir co segundo aniversario da apertura ao público deste centro

Publicidade
Os usuarios seguindo a actuación dende o interior do centro de día.

 

Coincidindo co segundo aniverario do Centro de Día Raiola de Verín, un grupo reducido de catro integrantes da Banda de Gaitas Nova Era achegábase neste xoves ata as súas instalacións para levar a música aos seus usuarios.

Co fin de garantir ao máximo as medidas sanitarias, os músicos fixeron soar os seus instrumentos dende a rúa para que o son das gaitas e da percusión permitise cantar e bailar aos maiores que se atopaban no interior.

A Banda de Gaitas Nova Era xa visitara durante o mes de xaneiro outros centros da comarca. Sen embargo, as restricións derivadas da situación sanitaria levaron á agrupación a adiar estas visitas musicais pensadas para os máis maiores. Agora retoman a actividade nunha data moi especial, o aniversario do Centro de Día Raiola, e confían en poder facer máis actuacións proximamente.

 

Os membros da banda, tocando no exterior do Centro de Día Raiola de Verín.

 

“Cando nos chamaron de Raiola para continuar coa actividade que propuxeramos no Nadal, non o dubidamos. Achegarnos ata os centros botar unhas pezas é a nosa maneira de contribuír a mellorar a situación que estamos vivindo. A xente precisa divertirse e desconectar. Debemos avogar pola cultura segura, fainos moita falla”, din dende esta agrupación musical.

A Banda de Gaitas Nova Era é o eixe fundamental da Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei. Foi creada a finais do ano 2014 por un grupo de músicos que apostaron por un proxecto a nivel local para o fomento e divulgación da música galega.

No 2019 publicábase o seu primeiro disco, “Rumbo NE”. Agora veñen de publicar o segundo traballo discográfico, un novo EP chamado ‘Outros Compases: Cara A’. Con el pretende dar o seu particular toque musical ao que foi un ano marcado polas restricións e a escaseza de directos. Para o 2021, a Banda de Gaitas Nova Era continuará apostando pola creatividade e a cultura segura no que será, esperan, un gran ano para a música.

Fotos: Banda de Gaitas Nova Era.

Artigos relacionados

Back to top button