CulturaMúsicaÚltima hora

A Banda de Gaitas Nova Era presentará en Verín o seu novo espectáculo ‘Voces dunha nova era’

O concerto será o sábado 16 de abril ás 18:30 horas no Auditorio Municipal

A Bamda de Gaitas Nova Era de Verín.

 

Nesta Semana Santa a Banda de Gaitas Nova Era de Verín recupera o seu xa tradicional concerto de Nadal. O pasado mes de xaneiro tiña que retrasar a actuación por mor das condicións sanitarias que afectaban á comarca, pero agora a situación está xa máis normalizada e o sábado 16 de abril ás 18:30 horas presentará no Auditorio Municipal o seu novo espectáculo Voces de una nueva era. Un concerto no que a agrupación local percorrerá un camiño musical por unha selección de cancións populares convertendo ao público nun coro improvisado. Música de corte pop, rock e tradicional que fará as delicias de todas as xeracións.

Tal como avanzan dende a banda, “o repertorio escollido para esta ocasión explora horizontes que nos levan a unha nova dimensión musical”. Poderanse escoitar algúns temas xa coñecidos polos seguidores da banda, pero tamén novas composicións nas que, coa gaita como instrumento principal, versionarán figuras da música como Nino Bravo, Los Tamara ou Mago de Oz.

 

 

A reserva de entradas para este concerto, que está a piques de colgar o cartel de completo, realízase mediante mensaxe privada a través do propio Facebook  da Banda de Gaitas Nova Era, o eixe fundamental da Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei.

A banda foi creada a finais do ano 2014 por un grupo de músicos do Val de Monterrei, que apostaron por un proxecto a nivel local para o fomento e divulgación da música galega. O conxunto caracterízase pola combinación de tres seccións ben diferenciadas: a sección de gaitas galegas afinadas en Si bemol; a sección de percusión, que combina instrumentos da música tradicional galega, centroeuropea, latina e clásica; e a sección orquestral, formada por instrumentos de vento-metal, vento-madeira, corda e interpretación vocal.

Artigos relacionados

Back to top button