CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Banda de Gaitas Nova Era presentará en Verín o seu primeiro disco “Rumbo NE”

O concerto será o 28 de decembro ás 18:30 horas no Auditorio Municipal

 

A finais do ano 2014 un grupo de músicos do Val de Monterrei creaban a Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei, apostando por un proxecto a nivel local para o fomento e divulgación da música galega que xira en torno á Banda de Gaitas Nova Era. Tal como explican dende a propia asociación, “o conxunto caracterízase pola combinación de tres seccións ben diferenciadas: a de gaitas galegas afinadas en Si bemol; a de percusión, que combina instrumentos da música tradicional galega, centroeuropea, latina e clásica; e a orquestral, formada por instrumentos de vento-metal, vento-madeira, corda e interpretación vocal”.

Despois duns anos de traballo e ensaios, a banda de gaitas ten listo o seu primeiro disco Rumbo NE que presentará en público, en colaboración co Concello, o vindeiro sábado 28 de decembro nun concerto previsto para as 18:30h. no Auditorio Municipal de Verín.

 

 

No concerto presentación deste primeiro traballo de estudo, Nova Era convídanos a “unha viaxe musical na que conviven decenas de instrumentos, influencias e melodías”. Unha gala na que contarán coa presenza de convidados de luxo que colaboraron na gravación do disco. “Máis de 40 músicos se subirán ao escenario para fusionar música de raíz tradicional con ritmos e sons de todo o mundo”, aseguran dende o colectivo, explicando que en Rumbo NE atopamos unha disparidade de estilos musicais que parten do profundo respecto pola música tradicional galega, buscando á vez explorar novos horizontes que leven á formación a unha nova dimensión musical cun estilo propio e innovador. “Tanto é así que nesta proposta podemos escoitar xéneros tan diversos como a muiñeira galega ou o swing americano, pasando pola salsa cubana, a música dos países celtas ou os ritmos balcánicos”.

As entradas para o espectáculo custan 3 euros e deberanse adquirir mediante reserva previa na páxina de Facebook: A.C. Música Tradicional de Monterrei – Banda de Gaitas Nova Era.

As fotos (cedidas) pertencen a un dos ensaios da Banda de Gaitas Nova Era e o concerto pode seguirse vía streaming no seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=xh9VrlvzQWY

 

Artigos relacionados

Back to top button