CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

A Banda de Sober enche de música e esperanza o confinamento

 

Dende a Banda de Música de Sober vén de lanzarse neste Xoves Santo unha peza coa que pretende encher os fogares de esperanza nestes momentos duros que se están a vivir tras declararse a pandemia por coronavirus.

Esta agrupación musical estrea canle de Youtube con esta peza e co concerto que fixeron co grupo local Os Parentes o pasado ano. O vídeo, que tamén vai ser distribuído nas redes sociais da formación e do Concello de Sober, forma parte dunha comedia musical na que a canción This is me foi gañadora dun Globo de Ouro.

O director da Banda de Música de Sober, Miguel Franqueiro, comenta que se trata dunha canción “esperanzadora, que te enche de boas vibracións neste tempo de dificultades. Pareceunos unha fermosa canción que evoca os tempos mellores que virán despois desta crise”.

Ademais explica que lle fixo á formación a proposta de gravar a distancia, aínda que houbo xente que non puido participar porque estaba traballando fóra ou estudando e non dispuñan dos instrumentos. Os que si puideron colaborar mandaron os vídeos desde as súas casas, que despois Franqueiro montou con medios propios e moitas horas de traballo e arranxos para obter o mellor resultado final posible, tendo en conta as circunstancias.

Foi unha experiencia enriquecedora, resalta Franqueiro, “non só polo resultado final, senón porque é unha forma de que os músicos sigan tocando, de manter o contacto con eles e de que se visualice que nada debe apagar a nosa música”.

Foto e vídeo cedidos.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close