CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Banda Nova Era de Verín lanza o seu novo EP, “Outros Compases: Cara A”

Consta de 3 temas de carácter experimental que combinan xéneros dispares "con total liberdade e coa intencionalidade de levar a música da gaita a novos recunchos", din dende a formación

A Banda de Gaitas Nova./ Foto: El Ojo de Iris.

 

Neste mércores 10 de marzo a Banda de Gaitas Nova Era de Verín vén de lanzar o seu primeiro EP, baixo o título “Outros Compases: Cara A”. Trátase do seu segundo traballo discográfico e co que pretenden dar o seu particular toque musical ao que foi un ano marcado polas restricións e a escaseza de directos.

Durante a época do confinamento e vista a situación cultural actual, a formación atreveuse a poñer en marcha a gravación dun EP que suplira a imposibilidade de celebrar os seus concertos. Desta forma, xorde “un traballo máis experimental onde se combinan xéneros dispares con total liberdade e coa intencionalidade de levar a música da gaita a novos recunchos”, din dende a formación.

O título deste EP, cuxa portada é obra de Akasha Laboratorio Audiovisual, alude de forma directa “ás cintas de casette que todos temos por casa, onde a maxia estaba en ter dúas caras con diferentes músicas”, comenta Daniel García, codirector da Banda de Gaitas Nova Era.

O EP consta de tres temas: “Fía”, “O Soño Da Tutuá” e “Fantasía: Ano V”. Dúas destas pezas son adaptacións de cancións que executaron nas poucas actuacións que puideron levar a cabo o pasado ano. Unha delas, “Fía”, foi interpretada no mes de setembro por un grupo reducido da banda durante a celebración do FIC Vía XIV de Verín, onde musicaron a curta “O carro e o home”, de Antonio Román e Xaquín Lorenzo.

 

Portada do novo EP da Banda Nova Era, un deseño de Akasha Laboratorio Audiovisual.

 

“Fía” é unha homenaxe á sociedade galega labrega, que co seu traballo mantivo vivo un xeito de vida agora en desaparición, onde a xeira e a tornaxeira nos traballos mantiñan vivas as relacións entre veciños onde espertaban estes cantos que agora podemos escoitar musicados pola Banda de Gaitas Nova Era”, tal e como indica Álvaro Isaac Rúa Manso, compositor e codirector da Banda de Gaitas Nova Era.

Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei

A Banda de Gaitas Nova Era é o eixe fundamental da Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei. Foi creada a finais do ano 2014 por un grupo de músicos do Val de Monterrei, que apostaron por un proxecto a nivel local para o fomento e divulgación da música galega.

O conxunto caracterízase pola combinación de tres seccións ben diferenciadas: a de gaitas galegas afinadas en Si bemol; a sección de percusión, que combina instrumentos da música tradicional galega, centroeuropea, latina e clásica; e a sección orquestral, formada por instrumentos de vento-metal, vento-madeira, corda e interpretación vocal.

O primeiro disco da banda, no 2020

A Banda de Gaitas Nova Era ven de publicar vai un ano o seu primeiro disco, “Rumbo NE”. O 2020 chegaba cargado de proxectos musicais que se viron adiados pola pandemia. Tras un ano complicado, a agrupación comeza o 2021 con ilusión e con novos proxectos para que a música continúe a prol dun sentimento firme: a cultura é segura.

Links de escoita:
https://open.spotify.com/album/1xfLU4BBzbyxkmmxmDUi5C?si=9qIz-m0KS7m_FPosmpAjwA
https://orcd.co/4jb0x3

Artigos relacionados

Back to top button