EconomíaEconomíaÚltima hora

A barquense Ana Pérez Varela gana o VI Premio Domingo Fontán de investigación

Na obra galardoada a autora recupera a memoria do prateiro Ricardo Martínez Costoyadun, un descoñecido artista compotelán que chegou a fabricar obras para o rei Alfonso XIII, o papa León XIII, Isabel de Borbón ou o emperador Guillermo II de Alemaña

A investigadora barquense Ana Peréz Varela, recollendo o premio. /Foto: Yago García.

 

Doutora Cum Laude en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2019) onde traballa dende hai catro anos, Ana Pérez Varela (natural do Barco de Valdeorras) é unha docente e investigadora cuxo obxectivo é poñer en valor o patrimonio inmaterial da pratería galega, a súa dimensión antropolóxica e o seu uso cultural. “A miña principal liña de investigación céntrase na análise da estrutura laboral compostelana no séculos XIX e XX, especialmente o gremio de prateiros, a súa organización socioeconómica e a súa produción artística”, explica Ana que leva publicados máis de vintecinco artigos de investigación e capítulos de libros.

E precisamente unha desas investigacións valíalle o VI Premio Domingo Fontán, convocado pola Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun certame de carácter bianual ao que se poden presentar libros de investigación científica en humanidades e ciencias sociais, que está dotado de 2.000 euros en metálico e a publicación do libro coa editorial do Consorcio de Santiago.

 

Ana Pérez Varela defendendo a súa tese o 29 de novembro de 2019. /Foto: Pablo Varela.

 

A obra ganadora deste VI Premio leva por título “O prateiro compostelán Ricardo Martínez Costoya (1859-1927): contexto, vida e obra” e nela, a autora recupera a memoria “dun importante e descoñecido artista compotelán que chegou a fabricar obras para o rei Alfonso XIII, o papa León XIII, Isabel de Borbón ou o emperador Guillermo II de Alemaña”, explica a investigadora barquense, destacando que o xurado valorou “o esforzo documental, a coherencia do traballo e a relación establecida entre a pratería e a Real Sociedade Económica”.

A entrega do Premio tiña lugar o pasado o 11 de marzo nun acto celebrado na sede da Real Sociedade Económica, presidido polo reitor da USC, Antonio López, ao que tamén asistían o presidente da Real Sociedade, Francisco Loimil e a xerente do Consorio, Belén Hernández.

 

Artigos relacionados

Back to top button