OurenseÚltima hora

A barquense Lola Doporto presenta a súa “Saudade de Soños” no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Esta exposición, que permitirá seguir a evolución na súa plástica, poderá verse a partir do 7 de outubro

Publicidade
Cadros da pintora barquense Lola Doporto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Por segunda vez en apenas tres meses, a pintora Lola Doporto amosará a súa obra singular e persoal plástica na cidade de Ourense. Tras a boa acollida da súas “Marionetas” no Espazo de Arte Roberto Verino, a creadora de Millarouso (O Barco) dá agora un paso máis cunha exposición titulada “Saudade de soños” que rozará os 40 cadros, moitos deles de gran formato, e que poderá verse a partir do 7 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.  “Estou moi contenta de que pensaran en min para empezar o outono”, destaca a autora con satisfacción.

Percorrendo estes lenzos poderá facerse un percorrido pola súa traxectoria creativa, tanto en temática como en estilo e técnicas: dende o marcado simbolismo inicial das súas icónicas marionetas de miradas subxugantes ata a súa obra máis recente, con desnudos e traballos en acrílico e a espátula. Tamén haberá sorpresas, como dous peculiares maniquís, que como a súa plástica, de seguro non deixarán indiferente a ninguén. “Serán unha serie de cousas, que van na miña liña e que creo que van sorprender”, adianta Doporto.

A pintora barquense Lola Doporto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Esta pintora barquense ten tamén en marcha outros proxectos expositivos dentro e fóra de Galicia, pero prefire ir “despazo, pero sen pausa”. E amósase encantada de poder reencontrarse co público en Ourense. “Gústame moito verlle a cara a xente cando observa a miña obra, ver como se sorprenden… Realmente é algo que me chega a emocionar porque para min é moi importante transmitir e que o público sinta algo coa miña obra. Iso é o que eu sentía cando acudía a ver exposicións de pintura doutros autores”.

“Saudade de soños” poderá verse ata o vindeiro 21 de novembro no Centro Cultura Marcos Varcárcel de luns a venres en horario de 11h a 14h. e de 17h. a 21h. Os sábados, domingos e festivos de o horario de visitas será de 11h. a 14h.

Artigos relacionados

Back to top button