PolíticaÚltima hora

A barquense Luz Doporto encabeza a lista do PP ás municipais en Allariz

A candidatura popular aos vindeiros comicios locais presentábase o 4 de maio na sede do PP nesta vila

“O ano 89 queda moi atrás, tanto que na nosa candidatura hai persoas moi mozas que nin naceran entón e, agora, se comprometen para dar o mellor de seu e sacar ao Concello de Allariz da parálise”. Deste xeito iniciaba a barquense Luz Doporto, cabeza de lista do PP en Allariz ás vindeiras eleccións municipais, a presentación do equipo de nove mulleres e oito homes que a acompañan na candidatura, “na que ademais de renovación tamén imos ter a contribución da experiencia”.

 

 

Facíao nun acto celebrado neste 4 de maio en Allariz, nun acto na sede do PP alaricano que contaba coa presenza do presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar. Hai ilusión, afirmou, “e iso fai que as persoas crean en nós e consigamos cos nosos votos que o BNG perda a maioría”. A partir de aí, Luz Doporto comprometeuse “a activar un concello paralizado arranxando todas as estradas municipais, reducindo a débeda, baixando a contribución, apoiando ao comercio e facendo que os próximos catro anos sexan o mandato do rural en Allariz, pero adaptado á nova forma de vida e de traballar do século XXI”.

Pola súa banda, Baltar pediu un exercicio de reflexión “nun momento histórico, pois co resultado do domingo o BNG perdería a maioría absoluta”. O PP alaricano, lembrou,” xa foi quen de gañar en anteriores eleccións e nas xerais do domingo contribuíu a que Ourense fose a provincia de España con maior apoio ao Partido Popular”.

 

Artigos relacionados

Back to top button