CulturaCulturaÚltima hora

A Biblioteca de Sober volve recibir o Premio María Moliner do Ministerio de Cultura

O Concello recibirá unha subvención en metálico de 2.000 euros para a compra de libros e/ou publicacións periódicas

Biblioteca de Sober./ Foto: Concello de Sober.

 

A Biblioteca Pública Municipal de Sober volve recibir este ano o Premio María Moliner da campaña de animación á lectura que outorga o Ministerio de Cultura. Este concurso ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo un proxecto único que inclúa accións de animación á lectura, á eficiencia e á labor bibliotecaria, á integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías.

Así mesmo, valórase especialmente aquelas actividades realizadas en municipios de menos de 25.000 habitantes, apoiando así as zonas menos poboadas. Tamén se teñen en conta “a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca, así como o esforzo realizado pola biblioteca en función dos seus recursos dispoñibles, a claridade e interese do proxecto para a animación da lectura e o seu valor como modelo de boas prácticas no labor bibliotecario, a planificación e viabilidade do mesmo, así como a colaboración con outras entidades (centros educativos, os diferentes axentes culturais dos municipios, etc)”, tal e como se indica dende o Concello de Sober.

Como beneficiaria, a Biblioteca Pública Municipal de Sober recibirá unha subvención en metálico de 2.000 euros para a compra de libros e/ou publicacións periódicas. A selección bibliográfica debe realizala o persoal da devandita biblioteca en función das súas necesidades e co obxectivo de completar os seus fondos en beneficio de todos os veciños e veciñas do municipio.

Na provincia de Lugo só conseguiron esta axuda a Biblioteca de Sober e a de Xermade.

Artigos relacionados

Back to top button