CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A Biblioteca do Barco convida a debuxar as Letras Galegas

Vén de convocar un concurso infantil no marco da celebración do 17 de maio na honra de Carvalho Calero

Imaxe promocional do concurso organizado pola Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco.

 

Dende a casa, botando man da imaxinación, do papel e dos lápis de cores pódese celebrar o Día das Letras Galegas. Así o cren na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco que vén de convocar o concurso “Debuxando… As Letras”.

“Sabemos que as nenas e nenos están debuxando moito estes días e, neste mes das letras, queremos pedirlles que compartan con nós un debuxo sobre o Día das Letras Galegas e/ou sobre o homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero. A técnica é libre o único límite é a súa creatividade!”, din dende a biblioteca barquense.

Nese senso, animan aos rapaces a sumarse a este concurso, cuxa participación estará aberta ata o día 21 de maio. Tan só hai que enviar os traballos ao correo electrónico da biblioteca: bibliotecaflorencio@concellodobarco.org, incluíndo o nome, idade do autor/a e número de teléfono.

“Os debuxos que recibamos compartirémolos nas redes sociais da biblioteca e todos os participantes terán un agasallo”, din dende a organización.

Artigos relacionados

Back to top button