OurenseÚltima hora

A Biblioteca Nós de Ourense programa exposicións, obradoiros e contos para o mes de abril

Co gallo da celebración do Día do Libro haberá un encontro co escritor Antón Riveiro Coello sobre o seu último libro "O paraíso dos inocentes"

 

Co obxectivo de ultimar coa súa directora, Rosa María Díaz, as actividades que se desenvolverán no mes de abril, o delegado territorial Gabriel Alén, visitaba na mañá deste mércores 31 de marzo, a Biblioteca Pública de Ourense Nós, xestionada pola Xunta. Alí Alén sinalou que haberá tamén unha programación específica conmemorativa do Día do Libro Infantil e Xuvenil e do Día do Libro; e que a axenda completa do mes pode consultarse na web da biblioteca.

Así, a cativada de 4 a 7 anos poderá participar na actividade de animación á lectura Contiños con Susana, que se vén desenvolvendo todos os martes ás 18h. Nese mesmo horario ten lugar o programa de obradoiros Xoves creadores, dirixidos a cativos de 6 a 12 anos e con sesións de temáticas diversas.

En abril, a primeira sesión será o día 8, e os participantes aprenderán a elaborar xoguetes con elementos da natureza, como se facía antigamente no rural. O día 15 terá lugar o obradoiro Fiando palabras, no que se creará unha peza de tecido cos teares do museo, e o 22, haberá un contacontos centrado en historias tradicionais, principalmente de Ourense ou con mulleres como protagonistas. Finalmente, o día 29, desenvolverase Mosaicos romanos, unha achega ao mundo romano que culminará coa elaboración conxunta dun mosaico.

A isto súmaselle o obradoiro de cómic que se desenvolve todos os sábados alternos para a rapazada a partir de 12 anos e os diversos clubs da biblioteca para maiores de 16 anos sobre arte, lectura, lectura en galego e un coloquio en inglés. A programación para o público adulto inclúe tamén un obradoiro de fotografía todos os sábados, de 12 a 13:30h.

 

 

Actos conmemorativos

Co gallo da celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, o baixo da biblioteca acollerá ata finais de abril unha exposición sobre O principiño, con exemplares en distintas linguas e formatos desta obra universal e con obxectos comercializados arredor dela. Como peche, o día 21 desenvolverase un obradoiro relacionado coa mostra para rapaces maiores de seis anos.

E por último o Día do Libro celebrarase cun encontro co escritor Antón Riveiro Coello, no que falará do seu último libro O paraíso dos inocentes, nunha sesión aberta ao público ata completar cabida. Tamén con motivo desta conmemoración, exporase mostra bibliográfica Queres ser a primeira persoa para este libro?, con exemplares que nunca saíron en préstamo, na busca da persoa axeitada para a lectura de cada unha das publicacións.

Artigos relacionados

Back to top button