CulturaCulturaEducación

A biblioteca pública da Rúa volve ao seu horario habitual, de mañá e tarde

En outubro, esta instalación municipal xa estará plenamente integrada na rede galega de bibliotecas

 

Luns de 16:30 a 20:30h; de martes a venres de 10:30 a 13 e de 16:30 a 20:30h; e sábado de 10 a 13:30h. Dende hoxe, mércores 16 de setembro, a Biblioteca Pública Municipal A Rúa volve ao seu horario habitual. E faino con certo retraso con respecto a outros anos xa que están ultimando os detalles para estar plenamente integrada na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia de cara ao mes de outubro.

Tal como explica a responsable da biblioteca, Gema F. Vizcaya, comunicáronlles no mes de xullo que ían formar parte da rede e aí comezaron os preparativos. Para os usuarios son todo vantaxes, podendo retirar libros cun único carné en todas as bibliotecas galegas que xa estén integradas (a da Rúa é unha das poucas que aínda non o estaban) e tamén acceder ao Catálogo Colectivo da Rede, pero para o persoal da biblioteca, sobre todo cando é unha soa como é o caso da Rúa, supón un traballo extra para conseguir que os libros “migren do programa Meiga que era o que tiñamos antes ao KOHA (Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria), cun novo etiquetado con códigos”, explica Gema adiantando que están pendentes de que lles instalen a impresora para poder emitir os novos carnés, moi similares aos de indentidade.

 

Entrada da Biblioteca Pública Municipal A Rúa.

 

Tal como explican dende Educación, o novo sistema de xestión bibliotecaria permite mellorar o servizo para os usuarios de cada biblioteca e da rede en xeral, ao crearse un catálogo único a través da web https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal, pero ademais, o carné único de bibliotecas dará acceso aos servizos de todas as bibliotecas públicas integradas. “Se por exemplo, un usuario do Barco busca na rede e atopa o libro na nosa biblioteca, pode vir a buscalo aquí co seu carné aínda que iso si, debe devolvelo onde lle foi prestado aínda que viva noutro lugar”, explica Gema. Asemade, con este sistema “lógrase homoxeneizar e simplificar a catalogación das coleccións”.

E toda esta reforma, que ten como obxectivo o “funcionamento común dos centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como a mellora do servizo para os usuarios”, lévase a cabo sen deixar de lado as medidas de seguridade fronte ao Covid para acceder ao interior e que están expostas na entrada do local. “Seguimos aplicando as medidas recomendadas para que este sexa un espazo seguro: reducción de aforo, ventilación e desinfección”, conclúen dende a biblioteca.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close