CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A Bica de Trives protagoniza algún dos problemas expostos na Olimpíada Galega de Química 2022

Na edición deste 2022 participaron trece estudantes de tres centros educativos da provincia

Bica de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Trece estudantes de tres centros educativos da provincia de Ourense (IES Otero Pedrayo, IES Eduardo Branco Amor e IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova) participaron hoxe nas probas da XXXIX Olimpíada Galega de Química 2022, organizada pola Asociación de Químicos de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Químicos de Galicia que se celebraron na Facultade de Ciencias (As Lagoas) na cidade de Ourense mantendo o protocolo sanitario fronte ao Covid19.

A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo acolleron simultaneamente as probas nas que hoxe participaron 139 alumnos e alumnas procedentes de 24 centros educativos de toda Galicia. As probas deste ano, ante a baixada da incidencia da pandemia da Covid 19, rexistraron un incremento no número de participantes respecto ao pasado ano e alcanzou niveis de participación similares aos cursos anteriores á chegada do coronavirus. En 2021 acudiron 81 alumnos e alumnas. En 2020, por mor do impacto da pandemia, non puido celebrarse a cita académica. A proba, que comezou ás 16.30 horas, consistiu en dous partes: a resolución de cuestións tipo test; e dous problemas e un suposto práctico de laboratorio.

 

Un momento da celebración da Olimpíada Galega de Química.

 

Nesta edición os problemas expostos están vinculados á provincia de Ourense, concretamente a Terra de Trives e a súa famosa bica e ao Museo do Xoguete de Allariz. O suposto práctico tratou sobre os automóbiles eléctricos que se fabrican na factoría de Vigo. A química e os seus vínculos con Galicia sempre están presentes nas probas. Iso si, seguindo a pauta dos Deseños Curriculares de Bacharelato de Galicia (Decreto 86/2015), nas materias de Física e Química de 1º de Bacharelato e de Química de 2º Bacharelato.

A Olimpíada de Química Galega, que pretenden fomentar vocacións e desenvolver o espírito emprendedor entre os máis novos, é decana destas probas en España e xerme da Olimpíada Nacional de Química. Os alumnos clasificados nos tres primeiros postos por cada un dos distritos universitarios (A Coruña, Santiago e Vigo) recibirán un galardón e diploma acreditativo. Ademais, todos os participantes recibirán un diploma de participación. Os mellores participarán na Olimpíada Nacional de Química, que este ano terá como sede sede a Facultade de Química da Universidade de Santiago, no Campus Vida, do 6 ao 8 de maio. “Será unha oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións de galegos e galegas”, destaca Manuel Rodríguez Méndez.

Artigos relacionados

Back to top button