En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A brisa e a música alternativa inundaron o segundo día do SilFest Valdeorras 2019

Tivo lugar onte, venres día 5, e tamén se poderá desfrutar hoxe sábado na praia fluvial de O Barco

Esta cuarta edición do SilFest Valdeorras abríase, como non podía ser de outra forma, cun curso de maridaxe de viños valdeorreses e queixos. Da man da sumiller Mercedes González, prendéronse as luces deste festival, baixo o característico salgueiro chorón da praia fluvial do Malecón. Os asistentes ían chegando pouco a pouco, pero ao final a afluencia foi tanta que se sobrepasou o aforo, con máis de 50 persoas. A brisa deu un respiro aos asistentes, o que potenciou o bo ambiente.

Así, Mercedes González comezou cos godellos, primeiro con Viñaredo e despois con A Coroa. Estes viños foron acompañados de queixos suaves como o Mimosa ou San Simón da Costa, servidos nas tan características bandexas de lousa valdeorresa. Pasados uns 20 minutos tocaba pasar aos tintos, esta vez da man de Alán de Val, un mencía “fresco e xuvenil”, acompañado dun queixo de cabra de Castro Caldelas. Por último, Mercedes González propoñía catar o tinto Lagar do Cigur con dous queixos de leite cruda. Non faltaron os agradecementos aos asistentes, aos traballadores e á tenda barquense de A Manduca.

 

Servindo o viño da D.O. Valdeorras.

 

Nos últimos momentos desta actividade, as voces fusionábanse ca dos petineses de Vuelta y Media, encargados de abrir o festival e o escenario D.O. Valdeorras co seu concerto. Os primeiros asistentes ían chegando e o ambiente era moi animado. “Viva o SilFest, por moitos anos máis!”, con estas palabras da súa vocalista, cun singular sombreiro, remataba esta actuación.

O outro representante valdeorrés, Azor 91 comezaba ás 21:15h, coa caída do sol. Esta banda de xoves comezou coa versión da canción “In heaven”. O post-punk fixo que os primeiros valentes se animaran a bailar. O vocalista, Víctor Santos, sorprendeu cun megáfono á vez que o acompañaban sons psicodélicos. Tocaron tamén temas novos e acabaron literalmente no chan.

Era o turno dos veteranos galegos Igloo. Eran as 10 da noite e xa comezaba a escurecer, polo que xa se facían notar as luces vermellas do escenario. “Que agusto se está aquí!”, recoñecía o vocalista. Equipados con americana e pantalóns negros, loaron o viño valdeorrés entre un público máis maior que cada vez bailaba máis.

 

Ambiente.

 

Tras o parón para cear, era o turno de La Plata. O grupo valenciano composto de dúas mulleres e tres homes encheu de festividade a praia fluvial con temas como “Un atasco”, “Me voy” ou “Esta ciudad”. A enerxía de toda a banda fixo a unha parte do público colocada adiante bailara sen parar.

Así, ás 00:45h. era o turno do cabeza de cartel do primeiro día, era o turno de Second. A xente estaba expectante, ata o punto de que 15 minutos antes o escenario D.O. Valdeorras xa estaba abarrotado. As luces azuis inundaron o espazo e apareceron os integrantes vestidos de negro, cun contraste do vocalista cunha camisa granate que lle daba aínda máis presenza se cabe no escenario. Este concerto foi sen dúbida o que máis afluencia tivo, fixeron á xente botar con temas como “Quién pensaba en eso”, “Muérdeme” ou “Atrévete”. O vocalista desta banda, Sean Frutos recoñeceu que tiña moitas ganas de facer ese concerto xa que había que apoiar este tipo de iniciativas tan orixinais.

 

Despedida do grupo Second.

 

O seguinte grupo, Smile, comezou cun retraso de media hora, pero os asistentes resistiron e encheron o SilFest de rock e sons californianos ata o punto de que moitos dos asistentes subiron a bailar con eles ao escenario.

Por último, o encargado de pechar o primeiro día de festival, Fixemberg DJ, comezou pinchando “Cumpleaños total” de Los Planetas, pero pasados uns 10 minutos tivo que parar a súa actuación, xa que comezou con moito retraso.

Texto e fotos: Alba Prada

Artigos relacionados

Back to top button